AZKAR LUGO, NA RECTA FINAL DA PRETEMPADA (MARTES 4, 21.00 HORAS)
Na última semana de pretempada, o Burela FS Pescados Rubén visitará mañá o Azkar Lugo FS como posta de gala dos transportistas (Palacio Municipal dos Deportes, 21.00 horas).
O da cidade amurallada será o quinto amigable para a escuadra de Julio Delgado, con tres vitorias (Santiago Futsal 3-1, Automoción La Junquera 5-3, O Esteo As Pontes FS 3-2) e 1 derrota (Santiago Futsal 2-0). Para os lugueses será o sexto, tras o empate co ruso Novaya Generatsiya (1-1), a terceira praza no torneo portugués Cidade de Lamego (Benfica 6-3 Azkar, Modicus 1-2 Azkar), unha derrota co Santiago Futsal (3-4) e a vitoria co Concello de Guitiriz (2-9).
A última cita antes da estrea ligueira será o asturiano I Torneo Villa de Ribadesella o 7 e 8 de setembro, xunto a outro rival de Primeira, Triman Navarra, e os conxuntos de Terceira Avilés Sport e Rompiente FS.
I Trofeo Cidade de Tui
O cadro laranxa non puido facerse co Trofeo de Tui esta fin de semana, no segundo duelo da pretempada que o enfrontaba ao Santiago Futsal. Unha semana despois de impoñerse no Memorial Celso Currás de Trabada (3-1), a portería resistiuse para os burelaos, nun encontro no que os composteláns venceron 2-0, con tantos de Raúl Campos (minuto 8) e David (24).
Ficha técnica
Santiago Futsal: Barroso, Luis, Alan, Álex e David Pazos, no cinco inicial; tamén xogaron David, Mario Costa, Carlos Barrón, Hugo, Raúl Campos, Frois e D. Quintela
Burela FS Pescados Rubén: Edu, André, Enrique, Juanma e Dani Martín, no cinco inicial; tamén xogaron Iago Míguez, Christian, Hugo, Fabio, Antón e Iago Barro
Goles: 1-0, minuto 8, Raúl Campos; 2-0, minuto 23, David
Tarxetas: Polo Santiago, amarelas para Mario Costa e Raúl Campos; no Burela FS tamén foron amoestados Enrique, Juanma, Fabio e Antón