REMATARON HOXE AS ACTIVIDADES DA OCIOTECA DE VERÁN DAS QUE DISFRUTARON 50 NENOS EN BURELA. CON ESTA PROPOSTA A DELEGACIÓN DE MEDIO AMBIENTE PRETENDEU FACILITARLLES AOS PAIS A CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL DURANTE A TEMPADA ESTIVAL.
Burela, 31 de agosto de 2012. Hoxe, día 31 de agosto, rematan as actividades da ocioteca de verán 2012 coas que a Delegación de Medio Ambiente do Concello pretendeu facilitar ás familias burelesas a conciliación da vida familiar e laboral durante o período vacacional dos seus fillos a través dunha aprendizaxe lúdica e de entretenemento.
En total disfrutaron da ocioteca máis de 50 nenos de idades comprendidas entre os catro e os once anos durante os meses de xullo e agosto en horario de nove da mañá a dúas da tarde. Realizáronse actividades diversas como talleres de reciclaxe, xogos de animación, xogos co paracaídas, rutas medioambientais como saídas á praia, limpeza de xardíns, visita ao barco museo Reina del Carmen, talleres de pintura de madeira, abalorios, animación á lectura, etc…
As monitoras de Gaia encargadas da ocioteca celebraron a despedida cunha xornada de xogos olímpicos (salto de lonxitude, carreiras de relevos, probas de puntería, etc), na que non faltaron nin os dorsais, nin a entrega das medallas feitas de barro polos propios participantes, nin o correspondente pódium cos gañadores. Para entregar as medallas achegáronse á ocioteca os porteiros do Burela FS, “aos que queremos agradecer a súa asistencia á clausura e a Gadisa por donar obsequios para os participantes. Tamén queremos dar as gracias ás dúas persoas que de maneira voluntaria e desinteresada colaboraron na ocioteca este verán, Andrea e Elena. E tamen ao equipo directivo do centro onde se levou a cabo a ocioteca, o CEIP Vista Alegre, por prestarnos as instalacións durante todo o verán”, sinalou a concelleira de Medio Ambiente, Patricia López Eijo.