NOTA DE PRENSA
o deputado electo do Partido Popular de Galicia comprométese a mediar ante os actuais responsables en funcións da Sanidade galega para que corrixan esta situación que tantos inconvenientes está a provocar
BALSEIRO FAISE ECO DAS QUEIXAS DOS VECIÑOS DE SAN CIPRIÁN DESPOIS DE QUE ESTEAN A SER TRASLADADOS SEN INFORMACIÓN NIN AUTORIZACIÓN PREVIA AO CENTRO DE SAÚDE DE CERVO
* Os pacientes trasladados de xeito forzoso teñen que desprazarse entre cinco e seis quilómetros para acudir á consulta do médico, cando antes podían facelo andando.
* Pese a que o Centro de Saúde de San Ciprián, de recente apertura, dispón dun novo facultativo o SERGAS segue a derivar pacientes.
Cervo, 26 de marzo de 2009.- O deputado electo polo Partido Popular Jose Manuel Balseiro Orol, non comprende como é posible que despois da recente apertura dun novo centro de saúde na localidade de San Ciprián o SERGAS estea a derivar a varios pacientes deste centro ata o hospitalillo situado na capital municipal, en Cervo. Segundo os datos dos que dispón o deputado popular Sanidade está a efectuar estes traslados sen informar previamente aos pacientes e, o que aínda é moito máis grave, sen requirir a autorización previa de ningún deles.
MEDIACIÓN
Balseiro Orol comprométese a manter un contacto cos responsables da Consellería de Sanidade -cos dirixentes socialistas deste departamento autonómico que na actualidade están en funcións- para trasladarlles o malestar e as queixas de moitos veciños desta localidade e para requirirlles que corrixan estas decisións que están a provocar tantos inconvenientes.
Así por exemplo, agora os pacientes trasladados teñen que dispoñer dun coche ou vehículo que lles leve de San Ciprián a Cervo, percorrer entre cinco e seis quilómetros de distancia, para poder acudir a súa cita co médico, cando antes podían facelo simplemente camiñando.
MÁIS MÉDICOS, MÁIS TRASLADOS FORZOSOS
Segundo parece, o SERGAS escúdase para facer estas e outras modificacións do médico de cabeceira -sen permiso nin información previa aos pacientes- na necesidade de reorganizar o servizo despois da chegada dun novo doutor ao Centro de Saúde de San Ciprián. “Dispoñer dun novo facultativo é unha noticia positiva” para o deputado electo do PPdeG pero, “precisamente por este reforzo é aínda menos comprensible o feito de que aos veciños de San Ciprián se lles obrigue a ir ata Cervo para poder pasar consulta ou obter as súas receitas”. Un dato máis para a estes traslados forzosos de pacientes non se daban antes, cando non había centro de saúde novo en San Ciprián e tiñan un doutor menos.
Balseiro insiste en que Sanidade non pode vulnerar o dereito dos pacientes a escoller o seu médico de familia, a elixir a aqueles profesionais que desexen na atención primaria.