SANTIAGO .- A Consellaría do Medio Rural, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), vén de ordenar nos últimos días a transferencia a 12.194 gandeiros do anticipo da prima por vaca nutriz, por un importe total de 11.119.291 euros.
Este anticipo corresponde ao 60% do importe total da axuda por vaca nutriz con dereitos de prima solicitada en 2008, o máximo que permite anticipar a normativa europea e estatal. O 40% restante desta prima abonaráselles aos gandeiros, xunto con outras axudas acopladas ao gando vacún de carne (prima por sacrificio, prima adicional por vaca nutriz e pagamento adicional por vacún de calidade) antes do 30 de xuño de 2009, unha vez fixados polo Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño os importes por cabeza correspondentes á campaña de 2008; importes que son calculados en función dos animais con dereito a prima en todas as Comunidades Autónomas e dos límites orzamentarios establecidos para o Estado Español.
En palabras do director xeral do FOGGA, Edelmiro López Iglesias, “este adianto en máis de tres meses sobre a data normal de pagamento contribuirá a mellorar a liquidez das explotacións gandeiras, e vén dar continuidade á medida que xa se aplicou o pasado ano.
No cadro que se xunta indícase a distribución de beneficiarios e importes nas catro provincias de Galiza, correspondéndolle a Lugo máis do 51% dos gandeiros e máis do 62% do importe pagado.
PROVINCIA | PPRODUTORES | IMPORTE PAGADO (€) |
A CORUÑA | 3.487 | 2.367.760 |
LUGO | 6.269 | 6.931.574 |
OURENSE | 1.550 | 1.258.995 |
PONTEVEDRA | 888 | 560.960 |
GALICIA | 12.194 | 11.119.291 |
En canto ás axudas de vacas nutrices para a campaña 2009 (que serán abonadas en 2010), Medio Rural lembra que se poden solicitar nestes momentos e até o vindeiro 30 de abril, xunto coas restantes axudas incluídas na solicitude unificada da PAC 2009, a través das entidades colaboradoras (entidades financeiras, cooperativas, sindicatos agrarios e entidades de aconsellamento) que teñen asinado un convenio para esta finalidade co Fondo Galego de Garantía Agraria.
Ademais, nesta campaña 2009 comeza a aplicarse a simplificación introducida na xestión das primas por sacrificio, polo que na solicitude unificada da PAC 2009 debe incluírse tamén a petición da prima por sacrificio de gando vacún polos animais que se sacrifiquen en 2009 e cumpran as condicións de acordo coas bases de datos da administración, evitando así a presentación de varias solicitudes ao longo do ano despois do sacrificio dos animais, como ocorría nas campañas anteriores.