Estúa cobra tanto de asesor do BNG na Deputación como os 3 edís con dedicación parcial do Concello de Cervo xuntos
Cervo, 12 de xullo de 2012-O asesor do BNG na Deputación e edil do grupo municipal nacionalista de Cervo, Xosé Antón Estúa, percibe ao ano 24.000 euros polo seu cargo de asesor, tanto como os 3 edís que contan con dedicación parcial no Concello de Cervo xuntos. Polo tanto, para a edil de Facenda, Tania González, “antes de criticar as dedicacións dos concelleiros, persoas con competencias de goberno e cuxas decisións repercuten na vida dun pobo, o señor asesor debería mirarse a si mesmo e o seu soldo, e valorar se a súa función o merece”.
“O asesor do BNG na Deputación non coñece a palabra verdade” asegura Gozález, xa que “coa reorganización do goberno e coa entrada de Pilar Armada no goberno local, o gasto político redúcese en 11.200 euros”. Para a edil, “o señor asesor busca e rebusca entre os documentos para tentar atopar datos que prexudiquen ao goberno, e como non encontra, inventa e terxiversa”.
Ao mesmo tempo, González asegura que “o señor asesor se caracteriza por ser protagonista do que el mesmo critica”. Estúa “pasou meses arremetendo contra as figuras dos asesores, cando el mesmo é asesor, o único que hai no Concello de Cervo; e agora critica as dedicacións dos edís, cando el mesmo cobra como tres concelleiros xuntos” engade a responsable de Facenda. “Coas súas declaracións só demostra que é un asesor que non sabe nin asesorarse a si mesmo” explica a edil, “porque se fose un bo profesional sabería que cando non se leva razón é mellor calar”.
Aínda así, a edil non se amosa sorprendida pola “falta de dilixencia” do asesor á hora de desenvolver o seu traballo, porque “xa nos ten acostumados a auténticos desastres en materia de asesoramento á Deputación”. Un dos exemplos máis recentes foi “a brillante idea de publicar un anuncio criticando o crédito da Unión Europea á banca española baixo o selo da Vicepresidencia Primeira da Deputación” de xeito que “o BNG utilizou de forma partidista medios institucionais que só se deben utilizar para cuestións de goberno e xestión administrativa”. Para González “non se pode agardar moito dun asesor como Estúa, que recomenda semellante disparate”.