ROBERTO RIVAS FIXO UN BALANCE POSITIVO DA PRIMEIRA NOITE COMERCIAL ABERTA QUE SE DESENVOLVÍA O VENRES. ACISA AGARDA REPETIR AO LONGO DO ANO ESTA INICIATIVA, QUE TIVO MOI BOA ACOLLIDA ENTRE A CLIENTELA E OS LOCAIS PARTICIPANTES.
Ribadeo, 25 de xuño de 2012. O presidente de ACISA, Roberto Rivas Tomé, fixo un balance positivo da primeira noite comercial aberta que se desenvolvía o pasado venres. O Ribadeo aberto encheu de música, de pintura, de sorpresas e de clientes as rúas da vila e tamén os establecimentos participantes.
Rivas Tomé sinalou que “na directiva de ACISA estamos moi contentos cos resultados obtidos no Ribadeo aberto tanto pola participación dos comercios como da xente de Ribadeo e de fora que veu ver e disfrutar das propostas dos establecimentos participantes nesta xornada especial”. Esta noite comercial aberta podería repetirse en máis ocasións ao longo do ano, algo que estudiará a directiva en datas próximas.
O presidente de ACISA comentou que “todos os asociados se portaron moi ben e metéronlle ganas de participar a outra xente nesta xornada. Houbo xente que sen pertencer ao noso colectivo se sumou a esta festa do comercio, gustaríanos polo tanto contar coa súa presencia na nosa asociación. Canta máis xente asociada teñamos mellor e máis forza poderemos facer entre todos”. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo conta na actualidade con 205 socios, “unha cifra que foi medrando co noso anterior presidente e que agora tentaremos que siga en aumento. De momento non tivemos descenso de socios, algo que é de agradecer a todos eles, que sigan aí apoiándonos e que cada vez teñamos máis”.
Para Roberto Rivas Tomé “con estas iniciativas a xente implícase moito e eso é moi importante. Cos socios que temos é moi fácil traballar porque eles pórtanse estupendamente e sempre atenden a nosa chamada”.