RIBADEO (FNC) .- No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo aprobáronse cos votos a favor de BNG e PSOE os estatutos e a adhesión á asociación para o desenvolvemento turístico interrexional en torno ao Eo. O alcalde, Fernando Suárez, di que “se trata dunha adhesión que forman concellos tanto da parte galega coma da asturiana coa ría de Ribadeo e o río Eo polo medio, onde se trata de coller este ámbito dos concellos que foron seleccionados para ser reserva da biosfera por parte da UNESCO. E trátase dunha asociación sen ánimo de lucro para que estes 17 concellos busquen axudas públicas que permitan contribuir ao desenvolvemento turístico da zona. Houbo certo debate con este asunto que ao final foi aprobado cos votos a favor de BNG e PSOE”.
Por unanimidade se aprobou a proposta relativa a nomes de rúas de Ribadeo e Rinlo “porque xa nos tiñamos reunido na xunta de voceiros e na comisión informativa previa. Foi aquel acordo relativo a nomes de rúas onde se tomou a decisión de poñerlle a dous espazos públicos que tiñan denominación o nome de dúas mulleres relevantes con Ribadeo. No pleno acordamos crear unha comisión informativa específica que elaborará unha nova proposta de rúas que actualmente están sen denominación ou que se remodelan de cara a darlles no nomenclátor oficial nomes de persoas ou de referentes importantes para a nosa vila”. Fernando Suárez engade que “dado que eso é boa cousa facelo cun certo grao de consenso quixemos deixar as cuestións que puideran dar lugar a un debate máis profundo, máis sereo para abordalos nesa futura comisión informativa que se vai crear entre todos os grupos da Corporación”.
Tamén se aprobou cos votos a favor de BNG, PP e PSOE e coa abstención de UPRI a proposta de modificación do regulamento da agrupación de municipal de voluntarios de protección civil do Concello de Ribadeo. O rexedor sinala que “esta modificación debe desenvolver cales son as funcións concretas do que é a xunta directiva, os métodos democráticos de elección e a designación dunha serie de persoas diante da comunidade autónoma que estaban sen regular e que as diferentes leis de ámbito autonómico así o requerían. Agora estará a exposición pública para a presentación de alegacións”.
Fernando Suárez manifesta que “no capítulo de rogos e preguntas se presentaron unha serie de achegas, as máis das veces sensatas por parte de todos os grupos da Corporación, e as menos das veces con algún oportunismo político o cal tamén é lóxico. Debo destacar que era un pleno corto o de onte, pero foise alongando e incluso ás veces recibo críticas de membros da Corporación porque se alongan moito os tempos de intervención ainda que eu como alcalde si decido cortar o debate pois me poden acusar de non fomentar a participación, o debate, a transparencia… É un difícil equilibrio e eu non lle quero coartar ningún dereito aos que teñen que falar nos plenos. É certo que as sesións se están alongando un pouco, pero en todo caso o debate non é malo”.