O goberno local advírtelle á Deputación que será a responsable de calquera incidente nas vías provinciais mentres non as roce
Cervo, 22 de xuño de 2012-O goberno de Cervo amosouse preocupado pola actitude do executivo provincial, en concreto polas palabras do deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez. “As súas declaracións asegurando que rozarán as vías da súa titularidade cando deixe de rexistrarse tempo húmido e calor semellan unha brincadeira” explican dende o grupo de goberno, “pero a seguridade da veciñanza e de todas as persoas que transitan por esas estradas é un asunto moi serio”.
Para o equipo de goberno, “non se pode poñer en xogo a seguridade dos condutores e dos seus acompañantes só porque non fai o tempo que vostedes agardan”. Dende o executivo cervense pregúntanse “que fará a Deputación se segue facendo tempo húmido e caloroso, seguirán agardando ata que as nosas estradas estean invadidas pola maleza?”.
Deste xeito, o equipo de goberno reitera unha vez máis a petición que xa trasladou en numerosas ocasións á Deputación a través de escritos oficiais, que non tiveron resposta algunha máis que na prensa, de que executen a limpeza dos 49 quilómetros de estradas provinciais “coa máxima urxencia”.
O goberno municipal asegurou que “as estradas están nunha situación perigosa para os condutores, e calquera incidente ou accidente que ocorra nesas vías será responsabilidade súa”. O traballo do goberno da Deputación “é salvagardar a seguridade e a vida da veciñanza” aínda que no seu caso “xa temos constatado que só se dedican a poñer multas e a despreocuparse dos veciños e das veciñas”.