A Deputación esixirá á Xunta a anulación do proxecto da VAC imposto tras ignorar as alegacións dos 3.000 veciños de Magazos
– Lara Méndez avanzou hoxe en Viveiro que o fará no Pleno cunha proposta na que a institución demandará ó Goberno galego que rexeite o estudo de impacto ambiental que aprobou de xeito unilateral
– Besteiro tamén lle reclamou persoalmente a Feijóo o mércores que reconsidere a súa postura e que teña en conta as necesidades dos cidadáns porque o cambio do trazado parte en dous a Viveiro
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polo Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, anunciou hoxe que a Deputación esixirá á Xunta que anule o estudo de impacto ambiental da variante da VAC que impuxeron tras ignorar a práctica totalidade das 3.000 alegacións dos veciños de Magazos. Farao o martes no Pleno Provincial ó que o equipo de Goberno leva unha proposta coa que insta ó Goberno galego a iniciar as accións administrativas, xudiciais e políticas para frear o proxecto dos populares e atender as peticións cidadás. O mércores, o Presidente lugués, José Ramón Gómez Besteiro, reclamoulle persoalmente ó seu homólogo galego, Alberto Núñez Feijóo, que reconsiderase a súa postura e que tivese en conta as necesidades dos viveirenses porque o cambio de trazado parte a localidade en dous.
Lara Méndez subliñou que “vista a postura da Xunta, levamos esta proposta á sesión plenaria porque entendemos que as administracións deben estar ó sevizo dos cidadáns e, para elo, teñen que escoitar as súas demandas”. Melchor Roel destacou que “unha vez máis esta Deputación, que descubriu que a Mariña forma parte da provincia, apoia á Comarca e ós seu veciños que non recibiron nin unha soa resposta as súa alegacións e que, malia é todo, actúan con seriedade e tranquilidade, defendendo o seu e o do Concello de Viveiro”.
O Diario Oficial de Galicia publicou o 14 de xuño a declaración de impacto ambiental do treito desta vía que atravesa Magazos. Trátansen das obras que o Executivo de Feijóo decidiu unilateralmente incorporar á VAC no 2010, modificando para elo o proxecto que o anterior Goberno galego si consensuara cos veciños de dita localidade viveirense, así como co Concello. Segundo recolle o DOG, a Xunta volta a omitir a decisión veciñal, atendendo, exclusivamente, só 1 das miles de reclamacións formuladas: a modificación da rotonda próxima á escola. Obvia, polo tanto, as alegacións sobre o paso inferior baixo a VAC que fai de acceso á zona da igrexa e ó camposanto, e dun camiño de servizo á Rúa Nova.
Defensa do trazado anterior
O Goberno Provincial, sumando esforzos cos cidadáns, aprobou anteriormente outras tres propostas plenarias que fixo chegar á Xunta, amosando o seu rexeitamento ó cambio da variante da VAC. Estas iniciativas están avaladas por informes técnicos que sinalan a necesidade de recuperar o proxecto anterior, tendo en conta aspectos como a articulación territorial, custes ou funcionalidade. A pesares de recibir tamén esta documentación, Feijóo impuxo a súa decisión fronte á voluntade de veciños, profesionais e institucións. Isto conlevou ata diferencias no seno do seu partido. Mentres en Viveiro os populares rexeitaron a modificación deste proxecto, a nivel provincial o PP avalou no Pleno da Deputación a imposición do Presidente galego.
Prazos da VAC
Na mesma proposta, o Goberno provincial demandará ó Executivo autonómico que defina os prazos para a posta en marcha da Vía de Alta Capacidade. Estes tamén foron consensuados cos veciños hai 6 anos, establecendo como data o ano 2013. Feijóo, antes de acceder a San Caetano, comprometeuse co adianto ó 2011. Coas obras hoxe paralizadas e sen previsión para reanudalas, no Orzamento da Xunta para este ano só se contempla unha partida de 11,1 millóns de euros, repartidos ós 50% entres os treitos da VAC de Lugo e A Coruña, retrasando o remate desta vía na provincia polo menos ata 2017.