Arrancan no Incio as auditorías que a Deputación realizará gratis a 37 Concellos para reducir a súa factura enerxética
– O Presidente, xunto coa Alcaldesa do Incio, supervisou o inicio dos traballos, cos que a Deputación aforrará 10.000 euros a cada Concello ó asumir ela a auditoría
– Ademais, cada municipio aforrará ata un 25% no gasto eléctrico das instalacións avaliadas tras implantar o equipamento que tamén lles proporcionará gratuitamente a Deputación
– A rexedora do Incio explicou que a auditoría que realiza a institución luguesa servirá para reducir o consumo do alumeado público, unha das súas principais inquietudes
A Deputación de Lugo arrancou este xoves no Incio as auditorías de eficiencia enerxética que realizará de xeito totalmente gratuíto a un total de 37 Concellos da provincia para que poidan reducir a súa factura eléctrica. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, xunto á Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro, supervisou o inicio deste proxecto, financiado a través do programa europeo Lug02 e co que a institución provincial se converte nunha das primeiras administracións de Galicia en ofrecer auditorías enerxéticas gratis, aforrando a cada Concello uns 10.000 euros, pois este é o prezo de mercado que teñen este tipo de estudos. A isto, hai que sumarlle o aforro de ata un 25% na factura enerxética das instalacións avaliadas que poderá acadar cada municipio implantando o equipamento que recomenden ditos estudos, e que o organismo provincial tamén lles proporcionará gratuitamente.
Gómez Besteiro destacou que con esta “nova liña de cooperación atendemos a necesidade que teñen a día de hoxe os Concellos de reducir os gastos correntes para afrontar a difícil situación económica que teñen moitos deles, sobre todo tendo en conta que a factura eléctrica dun municipio medio da provincia, de 5.000 habitantes, é de arredor de 200.000 euros ó ano, o que supón unha gran carga económica para as arcas municipais”. O mandatario provincial subliñou así mesmo que, asumindo o 100% do custe das auditorías, a Deputación alivia ás entidades locais dun gasto que, “nestes momentos tan complicados nos que nos atopamos, non poderían asumir por si sos”.
Pola súa banda, a Alcaldesa do Incio explicou que, no caso do seu Concello, a auditoría da Deputación servirá para reducir o gasto da instalación do alumeado público, que conta con 2.000 puntos de luz. Baixalo consumo eléctrico é precisamente unha das principais inquietudes da rexedora, pois quere garantir unha utilización axeitada dos recursos, xa que a día de hoxe lle supón un gasto de 90.000 euros ó ano para as arcas municipais.
Un equipo técnico da Axencia Provincial da Enerxía empezou no Incio a desenvolver unha análise individual, ó igual que fará Concello por Concello, das casas consistoriais ou doutra instalación municipal que escolleron as propias entidades locais (polideportivos, casas da cultura…) para detectar os posibles problemas de eficiencia que existan e as fórmulas que poden adoptar para aforrar na factura enerxética desas instalación grazas a unha utilización máis axeitada dos recursos.
Grazas ó estudo, analizando unha posible instalación de dispositivos de baixo consumo, como poden ser lámpadas LED ou detectores de presenza, conseguiríase un aforro anual de ata o 25% na factura que un Concello paga pola luz deses edificios. É dicir, tomando como referencia un municipio medio de 5.000 habitantes, como pode ser o de Mondoñedo, que paga uns 8.000 ó ano polo consumo de luz da casa consistorial e da casa da cultura, o aforro pode chegar ata os 2.000 euros anuais só nestas instalacións.
Outros aspectos que se avaliarán nas auditorías serán a instalación de reguladores e válvulas termostáticas no sistema de calefacción e de programadores de rego.
Unha vez realizadas as auditorías, que estarán rematadas no mes de decembro, a Deputación de Lugo tamén financiará a dotación dos materiais e dispositivos necesarios para mellorar a eficiencia enerxética que determinen ditos estudos. Para elo, a institución luguesa xa aprobou un acordo marco mediante o que pacta coas empresas a compra de equipamento como lámpadas LED, válvulas termostáticas, programas de rego ou detectores de presenza. O organismo provincial tamén asumirá estes custes a través do programa Lug02, aforrando deste xeito 1,1 millóns de euros ós municipios en equipamento enerxético.
Reforma do contrato eléctrico
De xeito complementario, os técnicos, que manterán unha estreita colaboración cos traballadores municipais para o desenvolvemento máis áxil dos traballos, tamén asesorarán ós Concellos sobre ós contratos que teñen coas súas correspondentes compañías de subministro eléctrico para determinar o aforro que se poden aplicar cunha modificación do mesmo. Deste xeito, as entidades locais beneficiaranse dunha medida que a propia Deputación xa implantou nas súas instalacións a principios de ano. Coa reforma do contrato eléctrico, aforrou preto de 123.000 euros ó ano, o que supón un 25% menos.
Os 37 Concellos nos que a Deputación efectuará as auditorías enerxéticas forman parte do Club dos Renovables e apuntáronse ó programa voluntariamente. Son os seguintes: O Incio, Quiroga, Negueira de Muñiz, Pol, A Pobra do Brollón, Cervantes, Baralla, Monterroso, Abadín, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Palas de Rei, Sober, Portomarín, Láncara, Xove, Barreiros, Navia de Suarna, Riotorto, Pedrafita, Guitiriz, A Pastoriza, Castroverde, Becerreá, Rábade, Ribas de Sil, A Fonsagrada, A Pontenova, Guntín, Friol, Meira, Sarria, Trabada, Samos, Monforte de Lemos e Viveiro.
Unha vez finalizada a auditoría do Incio, continuarán seguidamente nos demais Concellos. A duración do estudo en cada unha das localidades será de entre dous e cinco días, dependendo da dimensión das instalacións e dos problemas de eficiencia enerxética que existan.