Así o deu a coñecer en resposta a unha pregunta do deputado popular Jose Manuel Balseiro na Comisión de Ordenación do Territorio do Parlamento
A SECRETARIA XERAL DE URBANISMO CONFIRMA QUE A XUNTA BIPARTITA NON SOLICITOU OS INFORMES TÉCNICOS E XURIDICOS HABITUAIS PARA COMPROBAR A VERACIDADE DAS DENUNCIAS SOBRE IRREGULARIDADES URBANÍSTICAS EN VIVEIRO
Encarnación Rivas di que os responsables do anterior Goberno galego actuaron dun xeito “incorrecto” e que “algo fallou” xa que o procedemento habitual sería iniciar a correspondente investigación cautelar.
Balseiro denuncia que na Xunta bipartita prevaleceron motivos complicidade política cun Goberno municipal da súa mesma cor política fronte o obrigado deber de control da disciplina urbanística e que por esta razón non se levaron a cabo as tarefas de investigación, comprobación e corrección das irregularidades denunciadas.
O deptuado popular sostén que aínda que corresponde única e exclusivamente á Xustiza dilucidar se as anomalías urbanísticas descritas teñen ou non relevancia penal está claro que o Goberno bipartito, na parte administrativa “non actuou como debía facelo”.
Santiago, 05 de maio de 2012.- A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas confirmou hoxe en resposta a unha pregunta parlamentaria do deputado popular Jose Manuel Balseiro que a Xunta bipartita non solicitou os debidos informes técnicos e xurídicos que -por parte dos servizos de inspección da administración autonómica- permitirían averiguar a relevancia xurídica das irregularidades urbanísticas denunciadas polo Partido Popular de Viveiro.
Encarnación Rivas dixo que os anteriores responsables autonómicos si tiñan constancia das denuncias efectuadas –concretamente con datas 29/01/2007 e 2/04/2007- e nas que se alertaba sobre posibles irregularidades que afectaban ás licenzas outorgadas por silencio administrativo pola Xunta de Goberno local -que daquela presidía o socialista Melchor Roel e da que formaban parte edís do PSOE e do BNG- e que, pese a iso, só nun caso –das 24 licenzas denunciadas- promoveu o expediente de investigación correspondente e de resposición da legalidade.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo dixo na súa intervención na Cámara autonómica que os responsables do anterior Goberno galego actuaron dun xeito “incorrecto” e que “algo fallou” xa que o procedemento habitual debeu ser iniciar a correspondente investigación cautelar para comprobar e correxir as irregularidades urbanísticas denunciadas e polo tanto, evitar que de ser certas se lesionasen os dereitos dos veciños desas vivendas, dos propietarios dos terreos e do propio territorio.
COMPLICIDADE POLÍTICA
Pola súa banda Jose Manuel Balseiro sinalou que na Xunta bipartita “prevaleceron motivos de complicidade co goberno municipal” –por ser ambos da mesma cor política- fronte o obrigado deber de control da disciplina urbanística e que só por iso non se promoveron as tarefas de investigación, comprobación e corrección das irregularidades denunciadas.
O parlamentario popular lembrou que as denuncias incluían unha serie de licenzas outorgadas por silencio administrativo iso a pesar de que a Xunta había suspendido provisionalmente as normas subsidiarias de planeamento e polo tanto a posibilidade de outorgar licenzas. Pero ademais déronse con informes xurídicos, técnicos ou sectoriais negativos ou sobre solos rústicos, rurais ou de especial protección. Balseiro sinalou que a pesar de todo en Viveiro a Xunta non actuou, mentres que noutros concellos veciños, con informes dos inspectores favorables –como foi o caso de Cervo- mandou paralizar as obras e anular as licenzas outorgadas. Unha moi diferente forma de actuar motivada só en razóns políticas e partidistas.
O deptuado popular quixo lembrar, para concluír a súa intervención, que corresponde “única e exclusivamente á Xustiza dilucidar se as anomalías urbanísticas descritas teñen ou non relevancia penal –xa que neste momento hai un proceso xudicial aberto- e, polo tanto, que non é o momento de facer xuízos paralelos pero que, ante os feitos descritos, está claro que o Goberno bipartito, desde o punto de vista administrativo non actuou como tiña que facelo”.