GONZÁLEZ BARCIA FIXO UN BALANCE DAS FESTAS PATRONAIS QUE REMATARON HOXE COA OFRENDA FLORAL AOS NÁUFRAGOS. O REXEDOR DESTACOU A COLABORACIÓN VECIÑAL PARA QUE OS FESTEXOS FOSEN UNHA REALIDADE.
Burela, 5 de xuño de 2012. O alcalde, José María González Barcia, fixo un balance positivo das festas patronais de Burela que remataron este mediodía coa ofrenda floral aos náufragos. O rexedor destacou a colaboración cidadá para que os festexos fosen unha realidade e anima aos veciños a traballar codo con codo para sair adiante.
González Barcia dixo que “as festas este ano tiveron unha excepcional brillantez porque, a pesares da situación que estamos a vivir, Burela concentrou moitísima xente durante estes días. O máis destacable é iso e tamén que non houbo incidentes destacados nestes festexos, que se viviron en armonía, en amistade, foron días de reencontro cos amigos, coa familia e incluso cun mesmo, que nunca ven mal de vez en cando”.
Para o alcalde “as festas de Burela tiveron unha grande participación cidadá, a que se refire á colaboración para que as festas fosen unha realidade. Podería citar colectivos implicados directamente nas festas, pero tamén hai moitas persoas que dun xeito anónimo estiveron aí e non vou enumeralos a todos porque sería longo e para non esquecerme de ninguén, é o caso das persoas que traballaron durante semanas e o mesmo sábado para a elaboración da alfombra floral. É bó destacar ese espíritu de colaboración cidadá para que as festas de Burela resultasen ben”.
González Barcia agarda que “o futuro que empeza tamén hoxe sexa bó, tal e como dicía eu onte, os ventos nos serán bós, os ventos nos serán propicios, xa non só para aquelas persoas que saen para a costeira do bonito mañá ou os vindeiros días ou que xa están no mar, tamén serán bós para os que nos quedamos en terra adicándonos ao que nos temos que adicar. Despois destes días festivos nos que os actos relixiosos tiveron unha especial relevancia e brillantez, onde as verbenas estiveron moi concorridas… agardo que cargáramos pilas e que codo con codo pelexemos polo noso futuro, que estou completamente seguro de que é noso e témolo a man”. O rexedor dixo que “hai que seguir pelexando e loitando e empezar a preparar as festas do vindeiro ano. Seguro que seguiremos cantando a salve mariñeira durante moitos anos e estou completamente seguro de que seguiremos facendo procesións durante moitos anos, divertíndonos como nós sabemos divertirnos e traballando porque a situación é a que é e estou seguro de que entre todos saberemos saír cara adiante”.