A instalación da rede de gas natural en Cervo continúa na rúa dos Campos de San Ciprián
-Trátase da continuación dos traballos de distribución da rede de gas natural iniciados hai dous anos no termo municipal
-Nesta nova fase a empresa Gas Galicia instalará uns 290 metros de canalización
Cervo, 4 de xuño de 2012-As obras de instalación da rede de subministro de gas natural no termo municipal de Cervo entran nunha nova fase. Nesta ocasión os traballos, iniciados nestes días e que durarán unhas dúas semanas aproximadamente, estanse acometendo na rúa dos Campos de San Ciprián coa colocación de 290 metros de canalización.
O proxecto arrincara hai dous anos cando o Concello de Cervo conseguira entrar nos plans de gasificación asinados entre a empresa Gas Galicia e a Xunta co obxectivo de favorecer a extensión do gas natural por toda a comunidade galega. Neste senso cabe lembrar que o proxecto do gasoduto do transporte secundario que atravesará toda a Mariña está nos últimos trámites administrativos. Aínda así, o goberno local conseguira no seu momento adiantar o subministro de gas natural a Cervo, inicialmente a través dunha planta satélite de regasificación de gas natural licuado situada no polígono industrial de Cuíña.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a edil de Medio Ambiente, Begoña Alonso, achegáronse estes días ata a zona das obras para comprobar o seu desenvolvemento. O rexedor manifestou que dende o goberno local “estamos traballando para ser pioneiros no achegamento de infraestruturas e servizos básicos, como é o caso do gas natural, e así poñer ao dispor da veciñanza opcións enerxéticas alternativas á corrente eléctrica co obxectivo de ampliar a oferta e as posibilidades de elección”.