RIBADEO (FNC) .- Segundo informa a Concellaría de Educación e Muller de Ribadeo “o Diario Oficial de Galicia publica a orde do 2 de marzo de 2008 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 anos dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para o curso 2009/2010”.
Nesta orde, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, regúlanse, entre outros, os requisitos para ser adxudicatario/a, os criterios de prioridade para a adxudicación de prazas, o horario e calendario das escolas, as prestacións dispoñibles, os prezos, etc., ademais de todo o relativo á presentación das solicitudes.
Estas, deben presentarse, xunto coa documentación requirida, nos rexistros das delegacións provinciais da Igualdade e Benestar da provincia onde teña o seu domicilio o/a solicitante. O prazo para a presentación das solicitudes de reserva de praza e de novo ingreso está aberto ata o 31 de marzo.
Nesta orde, sinálase que co obxecto de dar continuidade ás prazas adxudicadas no curso 2008/2009, gozan de preferencia para a adxudicación as solicitudes de praza de nenas/os matriculadas/os no curso 2008/2009 sempre que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2º desta orde. As/os nenas/os matriculadas/os na xornada de tarde só poderán reservar praza nese mesmo tramo horario.
Así mesmo, a orde recolle tamén que as/os solicitantes admitidas/os disporán dun prazo de dez días naturais, desde o 1 ata o 10 de xuño, ambos os dous incluídos, para matricularse presentando no centro onde obtivesen praza o impreso de matrícula debidamente cuberto acompañado de certificado médico da/o nena/o. O impreso de matrícula facilitarase nos propios centros, así como nas páxinas web http://vicepresidencia.xunta.es e http://www.galescolas.net. Para os ingresos fóra do prazo os 10 días naturais contaranse desde o día seguinte ao da notificación da resolución da concesión da praza. A formalización da matrícula no prazo sinalado é imprescindible para confirmar a praza. Se non se realiza a matrícula da/o nena/o no prazo sinalado, considérase decaída/o na súa solicitude.