BARREIROS .- O delegado da Área de Deporte da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, presentou hoxe o programa do II Torneo Iber-Celta de Fútbol Base 2009 nas dependencias do Concello de Barreiros. No acto estiveron presentes o padriño do concurso, o xogador de fútbol Juan Carlos Valerón, o rexedor da localidade, Alfonso Fuente, e o coordinador do evento e xerente de Oxem Sports, Diego Villalba Fiallega.
Nota de Prensa
A ÁREA DE DEPORTES DA DEPUTACIÓN COLABORA NO II TORNEO IBER-CELTA DE FÚTBOL BASE QUE SE CELEBRA NO CONCELLO DE BARREIROS
Antonio Veiga salientou que a súa área apoia incondicionalmente a todas entidades ou clubs que traballen en prol da promoción e do fomento
do deporte de base
LUGO, 10 de marzo de 2009. O delegado da Área de Deporte da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, presentou hoxe o programa do II Torneo Iber-Celta de Fútbol Base 2009 nas dependencias do Concello de Barreiros. No acto estiveron presentes o padriño do concurso, o xogador de fútbol Juan Carlos Valerón, o rexedor da localidade, Alfonso Fuente, e o coordinador do evento e xerente de Oxem Sports, Diego Villalba Fiallega.
No transcurso da rolda de prensa, Antonio Veiga recalcou que a Área de Deportes presta “o seu apoio incondicional” a todas aquelas entidades ou clubs “que traballen día a día en prol da promoción e do fomento do deporte de base”. Este plan englóbase dentro dun proxecto de revalorización e potenciación de determinadas disciplinas deportivas ao longo de toda a xeografía lucense. Un xeito máis de achegar estas prácticas a todos os lucenses, poñendo especial énfase na formación dos máis novos, “as futuras promesas do noso deporte”. Nesta liña, o nacionalista lembrou que a posta en marcha deste tipo de eventos fai da Mariña Lucense e da zona máis occidental de Asturias todo un referente neste eido.
Unha categoría xuvenil e un partido para os veteranos
Este é o segundo ano que a localidade de Barreiros acolle un torneo de fútbol cunhas características semellantes baixo a modalidade de campionato cuadrangular. Como novidade, nesta segunda edición, destaca a configuración de dous grupos de competición en categoría xuvenil, tal e como comentou durante a rolda de prensa o organizador do evento, Diego Villalba Fiallega. O obxectivo desta medida é o de “achegar o deporte de alto nivel á Mariña a través das categorías de base dos clubs con representación na división de honra xuvenil”, asegurou o tamén xerente de Oxem Sports. Os partidos disputaranse nos campos das Valgas e do Cascabeiro.
Neste torneo cuadrangular participan os equipos Athletic Club de Bilbao, o R.C. Deportivo da Coruña, o Valencia C.F. e o Victoria Spot Club de Guimaraes no grupo A e os equipos Astur Vegadense F.C., o Iberia C.F., o S.D. Burela e o Viveiro C.F. no grupo B. Como actividade, de xeito complementario ao torneo, desenvolverase un campionato de veteranos no que participarán os antigos xogadores do Deportivo da Coruña, do Celta de Vigo e da selección de veteranos de Barreiros.
HORARIOS DOS PARTIDOS:
SÁBADO 14
10:30 horas | Viveiro C.F. – S.D. Burela (grupo xuvenil B) | Cascabeleiro |
10:30 horas | Iberia C.F. -Astur Vegadense (xuvenil grupo B) | As Valgas |
12:00 horas | R.C. Deportivo – Valencia C.F. (xuvenil grupo A) | Cascabeleiro |
12:00 horas | Athlétic C. de Bilbao – Vitoria S.C. de Guimaraes (grupo xuvenil B) | As Valgas |
16:00 horas | 3×1 Veteranos R.C Deportivo- Selección de Barreiros- Celta de Vigo | Cascabeleiro |
18:00 horas | 3º e 4º posto (xuvenil grupo A) | Cascabeleiro |
DOMINGO 15 (FINAL)
11:00 horas | Final xuvenil grupo B | As Valgas |
12:30 horas | Final xuvenil grupo A | As Valgas |
14:00 horas | Entrega de trofeos aos equipos participantes |