“DECIAMOS AYER…”
A histórica frase que se atribue a Frai Luis de León, coa que se dirixiu ós seus discípulos cando foi reposto na cátedra da Universidade de Salamanca, tras pasar no cárcere 5 anos, enviado pola Inquisición, sérvenos de nexo para proseguir o relato sobre personaxe tan entrañable para os focegos como foi o intelectual don Xosé Trapero Pardo. De feito contábamos na última entrega cómo na súa obra mais carismática, a zarzuela “Non chores, Sabeliña”, ambientada na Terrachá, introducía un personaxe da nosa vila: “Xastrico”.
No primeiro acto da mesma aparece un recanto do campo da feira, no que un grupo de mozas están sentadas cada unha diante da cesta nas que figuran, para a venta, ovos, manteiga, galiñas, froitas, etc. As vendedoras cantan a coro: “¡Ai, San Antonio / dame un mozo guapo /da feira de Meira / da feira de Castro”. Entra “Xastrico” en escena decindo: “Tamén tedes bó gusto!.¿por qué ha de ser o rapaz de Meira ou de Castro?.Eu non son daí que son de Marzán, xunto a Foz. Pero, ¡guapo!, á vista está”…O autor introduce na peza costumista, de ambiente campesiño, un elemento próximo ó mar, pero non netamente mariñeiro evitando o exotismo; por iso o sitúa en Marzán, onde os veciños foron de sempre labregos e mariñeiros, lugar do que hai medio século Manuel María dixera: “as redes mariñeiras a enxugar están / no medio das medas e os medeiros do pan”.
Á obra, primeiro libro publicado en galego (1940) tra-la guerra civil, puxera música Gustavo Freire Penelas, músico insigne que da nome ó auditorio lugués, curmán de Manuel Lugilde Penelas, o histórico mestre de escola que ten rúa na nosa vila.Ao quedar viuvo e sen familia Gustavo Freire viña a Foz onde pasaba tempadiñas co primo.
A última vez que se representou a zarzuela foi en xuño de 2006, a cargo do grupo vocal “Lugh” e a orquestra municipal de Xove, baixo a dirección de Xan Carballal, no auditorio lugués.
Así quedou rexistrado para a posteridade “Xastrico”, personaxe focego de ficción creado en homenaxe ó pobo de Foz, que tanto amou o seu creador, o ilustre escritor e xornalista don Xosé Trapero Pardo.