LUGO.- O Departamento de Turismo da Deputación Provincial emitiu un comunicado para aclarar a convocatoria feita pola Cámara de Comercio de Lugo para reunir o Padroado de Turismo da provincia. Entenden que é unha decisión unilateral da Cámara, sen contar nin coa Deputación nin coa Dirección Xeral de Turismo da Xunta nin cos Consorcios de Turismo. En consecuencia toman a iniciativa de poñerse en contacto coa Cámara para aclarar a situación e as motivacións desta convocatoria.
NOTA DE PRENSA:
COMUNICADO DO DEPARTAMENTO DE TURISMO DA DEPUTACIÓN DE LUGO
POSICIONAMENTO DA DEPUTACIÓN DE LUGO ANTE UNHA NOVA CONVOCATORIA DA CÁMARA DE COMERCIO DE LUGO
Lugo, 6 de marzo de 2009. O 5 de marzo de 2009 recíbese na Deputación Provincial unha convocatoria remitida dende a cámara de Comercio de Lugo para asistir a unha nova reunión dun Padroado de Turismo da provincia.
A área competente na deputación nunca tivo coñecemento das intencións da Cámara de Comercio por contacto directo, a comunicación continúa sen facerse nen ao departamento de Turismo nin á súa máxima responsable, Mª Xosé Vega Buján.
Tanto a convocatoria para esta nova reunión como todos os pasos anteriores dados neste senso, foron feitos de xeito unilateral, polo tanto nós non temos unha participación efectiva no proceso. Ademais a Deputación Provincial non apoia a creación do padroado e, polo tanto, non entrará a formar parte desta proposta nin de ningún órgano colexiado nin asemblea, tal e como se presupón nos documentos dos que se dispón. A Deputación continuará a canalizar a súa participación en entes colectivos a traverso de Turgalicia e dos Consorcios Turísticos, dos que xa é membro.
Vega Buján recalca que un “padroado de turismo de carácter provincial que non conte nin coa Dirección Xeral de Turismo nin cos Consorcios turísticos está invalidado, a primeira por ser a entidade que marca as pautas en materia de turismo en toda Galiza e os segundos por seren organismos representativos dos concellos”
A vicepresidenta nacionalista poñerase en contacto nas vindeiras horas co presidente da Cámara de Comercio, Alfredo H. Mosteirín, como máximo responsable deste ente, para aclarar posturas.