Lugo, elixida pola FEMP para redefinir as Deputacións
– É a única Deputación galega seleccionada para o grupo de traballo da Federación Española de Municipios e Provincias
– Gómez Besteiro é, ademais, o único representante galego en dito grupo cuxa próxima reunión será o 3 de maio en Madrid
A Deputación de Lugo foi unha das seleccionadas para definir cal debe ser o papel dos Gobernos Locais intermedios na conxuntura actual e de cara á futura reforma de dous marcos normativos esenciais do municipalismo: a Lei de Goberno Local e a Lei de Financiamento Local. Esta foi unha das decisións adoptadas polos Presidentes das Deputacións españolas reunidos hoxe en Valencia no marco da Comisión de Deputacións provinciais, Cabildos e Consellos Insulares. José Ramón Gómez Besteiro será o único representante galego que formará parte do grupo de traballo xunto cos oito mandatarios das Deputacións de Valencia, Huelva, Alicante, Badajoz, Castellón, Guadalajara, Palencia e Tarragona.
O 3 de maio terá lugar en Madrid a vindeira reunión deste grupo de traballo. Queda por diante unha intensa axenda na que, tendo en conta o momento económico actual, a prioridade na toma de decisións será a prestación de servizos municipais mediante o traballo en Rede.
Precisamente, esta é a ferramenta estratéxica que define as políticas de actuación do Goberno provincial lugués á vista dos escasos recursos económicos e técnicos dos que dispoñen os Concellos. Mostra delo, o Sistema de Recadación co que a Deputación está a aforrar miles de euros ós 54 municipios que, de xeito voluntario, se adheriron a este servizo, que evita as entidades locais gastos de persoal, equipamento ou aplicacións informaticas. Outros exemplo son a prestación a custe cero de servizos como o asesoramento xurídico, a asistencia técnica económico-financeira e urbanística ou as auditorias enerxéticas.