BURELA (FNC) .- A Delegación de Deportes do Concello de Burela homenaxeou hoxe os catro xogadores de fútbol sala (Manolo Mendes, Rubén García, Brais García e Borja Rocha) que a pasada fin de semana se proclamaron coa selección galega campións de España de seleccións sub-20.
A edil nacionalista, Neves Cando, destacou que “por segundo ano consecutivo a selección galega se proclama campioa de España nesta categoría e é unha satisfacción contar en Burela con estes catro rapaces que levan o fútbol sala ata estas altas cotas de nivel deportivo”. A concelleira de Deportes sinalou que “son un referente e un modelo para os centos de nenos que en Burela xogan e gozan co fútbol sala. Queremos animalos a que sigan traballando así de ben porque iso demostra que a base do fútbol sala está no mellor momento deportivo.”
Cando subliñou que “Manolo Mendes e Brais García xa é a 2ª vez que acadan este campionato e xa foron tamén campións galegos sub-18. Temos, pois, unha canteira de auténticos campións”.
No acto que se desenvolveu hoxe no Concello de Burela estivo presente tamén o presidente do Club Burela FS, José Ramón González Casas.