A PRECARIZACIÓN DAS CONDICIÓNS LABORAIS E AS REBAIXAS SALARIAIS TERÁN EFECTOS MOI NEGATIVOS SOBRE O PEQUENO COMERCIO POLA CAÍDA DO CONSUMO
O BNG explicou onte en Ribadeo os efectos da reforma laboral sobre o consumo que abocará ao peche de pequenas empresas e comercios.
Os nacionalistas fan un chamamento á pequena empresa e o comercio a secundar a folga xeral convocada para o 29 de marzo.
A Mariña, 27 de marzo de 2012. O BNG explicou a última hora da tarde de onte en Ribadeo os efectos da reforma laboral sobre a pequena empresa e o comercio cun acto no que participaron Dores Fernández Abel, do Consello Local do BNG de Ribadeo, o Secretario Comarcal da CIG e o parlamentario nacionalista Manuel Parga. Os nacionalista explicaron que a reforma laboral impulsada polo Partido Popular forma parte dun conxunto de medidas orientadas a transferir as rendas do traballo ao gran capital concentrando cada vez mais o poder económico nas mans duns poucos banqueiros e grandes empresas transnacionais. A desregulación do mercado laboral e as rebaixas salariais non fan mais que afondar na caída do consumo e a recesión económica con efectos directos sobre a pequena empresa e o comercio.
Os nacionalistas fan un chamamento á pequena empresa e o comercio a secundar a folga xeral do día 29
O BNG pediu ao pequeno comercio unha reflexión sobre os efectos das medidas de contracción da economía impulsadas polo PP que ao contrario incentivar a economía produtiva e o consumo, so buscan abaratar e desregular o mercado laboral ao tempo que destinan grandes recursos económicos públicos para tapar o furado xerado pola gran banca privada volcada na economía especulativa. Os nacionalistas apuntaron que lonxe de mellorar a situación económica todas as medidas van encamiñadas a recortar investimento produtivo e a recortar a capacidade adquisitiva e a seguridade laboral das maiorías sociais con efectos evidentes na pequena e mediana empresa e no comercio. Neste sentido consideran que o día 29 hai que dar un toque de atención e fan un chamamento a secundar a folga xeral e apoiar as mobilizacións convocadas na comarca.
Existen alternativas para rematar con este modelo inxusto e contrario ás maiorías sociais
Os nacionalistas defenden que existen alternativas diante desta situación tremendamente inxusta e contraria aos intereses das maiorías sociais, neste sentido demandan a posta en marcha de políticas que incentiven a creación real de emprego estábel con dereitos e salarios dignos, rematar coa especulación da débeda pública e o fraude fiscal dos bancos e grandes empresas, creación dunha banca pública que garanta o financiamento á pequena e mediana empresa e as familias, unha política fiscal para que paguen mais os que mais teñen, redución do gasto militar ou eliminación da administración paralela como son as deputacións provinciais.
Remitido