Nota de prensa:
O alcalde de Cervo reuniuse cos voceiros dos grupos da oposición para a convocatoria do pleno
-Villares explicou que un compromiso na Fegamp lle impide pospoñer o pleno para o venres
Cervo, 26 de marzo de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, reuniuse este mediodía cos voceiros dos grupos do PSOE e do BNG na corporación cervense para convocar o próximo pleno que se celebrará o xoves día 29. O rexedor asegurou non ter “ningún inconveniente” en cambiar a data de celebración da sesión para evitar a súa coincidencia coa folga xeral convocada para ese mesmo día. Porén, Villares explicou que “un compromiso irrenunciable relacionado co meu cargo de vicepresidente da Fegamp me impide pospoñer o pleno para o venres”.
O primeiro edil tamén expuxo que antes do 31 deste mes ten que estar aprobado en pleno e enviado telematicamente o plan de axuste do Concello. Sen embargo, o expediente non está completo debido á complexidade do documento. Este é o motivo que non permite adiantar a celebración da sesión. Villares aclarou a este respecto que “o plan de axuste estará listo a finais desta semana” e tamén anunciou que mañá martes manterá outra xuntanza cos voceiros dos grupos da oposición, nesta ocasión para expoñer as liñas xerais dese plan.
De todos os xeitos, Alfonso Villares quere deixar claro que “respecto, como non pode ser doutra maneira, a decisión que tomen os membros da corporación sobre a súa asistencia ou non ao pleno, e así llelo transmitín durante a reunión”. Aínda así, “ao igual que existe dereito á folga tamén existe dereito ao traballo” dixo Villares, polo que “apelo á responsabilidade dos edís á hora de cumprir co seu deber cos veciños de Cervo” di o rexedor.