Nota de prensa:
Educación e Cultura dota o CEIP Juan Rey de Lourenzá dunha nova pista polideportiva, na que investiu preto de 22.000 euros
As obras, que veñen de ser rematadas, supuxeron a creación dunha dotación dunha superficie de 875 metros cadrados, que permitirá desenvolver actividades deportivas na mesma
Lourenzá, 20 de marzo de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de rematar as obras acometidas no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Juan Rey de Lourenzá, no que desenvolveu unha actuación que permitiu dotar ao centro dunha nova pista polideportiva, que permite ampliar as posibilidades para realizar actividades deportivas no centro.
No día de hoxe, o xefe territorial deste departamento na Delegación Territorial de Lugo, José Jesús Ramos Ledo, e a xefe do servizo de Inspección Educativa da Delegación Territorial, Concepción Aramburu, visitaron o centro para revisar as obras, acompañados polo alcalde do municipio laurentino, Vidal Martínez Sierra. As obras contemplaron a excavación de gavias, realización de arquetas e instalación de canalización de augas, ademais da instalación dunha superficie de 35×25 metros (875 metros cadrados) para a realización de actividades deportivas.
As actuacións dispostas, segundo concluíu Ramos Ledo, “levaronse a cabo con cargo aos orzamentos do plan de Obras de Reforma, Ampliación e Mellora (RAM) do presente exercicio 2012 e, as tarefas de execución, contaron cun prazo de execución de apenas un mes”.
A actuación levada a cabo, segundo expuxo o xefe territorial supuxo un investimento de preto de 22.000 euros (21.234,11 euros). As obras, que veñen de ser rematadas, facilitan que a partir destes días, os 125 alumnos deste centro poidan dispoñer dunha pista que permite a realización de actividades deportivas ao aire libre nunhas condicións óptimas. Así mesmo, tamén se levaron a cabo tarefas de mellora da accesibilidade.
A execución destas obras ven a sumarse aos traballos de reforma e modernización que o Executivo galego, a través do departamento de Cultura e Educación, realizou no devandito centros educativo dende o ano 2009.
Neste sentido, o actual Goberno autonómico investiu xa nos últimos anos preto de 30.000 en tarefas de mellora da CEIP Juan Rey. Os traballos realizados facilitaron, fundamentalmente, a realización de adaptacións na instalación eléctrica, o acondicionamento da zona de xogo infantil.