O CLUB BURELISTA AMPLÍA O COMPROMISO CO PROXECTO DE TUTELA SAN ANÍBAL
O CD Burela FS Pescados Rubén amplía en 2012 o seu compromiso co proxecto de tutela San Aníbal, coa inclusión de novas iniciativas, como a Casa de Familia San Aníbal, na renovación do convenio de colaboración. Xunto ao directivo do club Marcelino Luna, estivo nas oficinas burelistas a responsable do centro, Martina Sendino del Olmo, para rubricar o acordo.
Martina Sendino agradeceu a axuda do club aos menores desfavorecidos na práctica deportiva e, moi especialmente, no xerme da futura Casa de Familia San Aníbal, con capacidade para albergar a oito menores en garda ou tutela pola Administración Autonómica: “Con esta adxudicación da Xunta de Galicia, cubriremos a falta de recursos que presentaba A Mariña, unha asistencia que poderemos ofrecer grazas a servizos sanitarios da vila e a apoios sociais como o do CD Burela FS”, explicou a responsable do proxecto. O directivo laranxa, pola súa banda, congratulouse de “achegar o fútbol sala, como deporte para todos, a este encomiable labor de atención á familia”.
O centro San Aníbal, situado nar rúa burelá do Barridal dende setembro de 2007, está rexentado pola congregación das Fillas do Divino Celo-Rogacionistas. Dispón do Centro de Día de Menores San Aníbal e o Centro de Acollida e Inclusión Social María Nazarena, para mulleres e nenos ao seu cargo, nos casos de emerxencia social, como violencia de xénero ou acollida de inmigrantes.