Nota de prensa
O Colectivo Cultural Ollomao lembra que este sábado terá lugar unha xuntanza para participar na reinterpretación da obra teatral “Os vellos non deben namorarse”.
Todas as persoas que queiran participar na nova posta en marcha da obra teatral de Castelao, teñen unha cita este sábado, 3 de marzo, as 19.30h. no Canteiro (San Pedro de Benquerencia).
O Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros, quere lembrar que o sábado, 3 de Marzo haberá unha xuntanza ás 19:30h. no Canteiro (antigas escolas de San Pedro de Benquerencia) á cal quedan convidadas todas as persoas interesadas en participar na reinterpretación da obra teatral “Os vellos non deben namorarse” de Castelao. Dende o colectivo barreirense insisten en que “se buscan participantes e colaboradores, non unicamente para a interpretación, tamén para aquelas outras labores vencelladas á posta en escena dunha obra teatral: costura e vestiario, maquillaxe e caracterización, elaboración de decorados, imaxe, son, escenografía, música, etc.”
Dende Ollomao sinalan tamén que xa está en marcha a organización do II Roteiro Fotográfico, que terá lugar no mes de marzo polos arredores da paraxe natural de Sto. Estevo do Ermo, en San Cosme de Barreiros. A elección deste roteiro está vencellada ao II Certame Fotográfico Enfocando Barreiros que organiza o colectivo barreirense, e que nesta edición leva por tema “Os ríos no obxectivo”. O prazo para a presentación de fotografías participantes remata o vindeiro 18 de marzo.
Todas as persoas interesadas nestas e outras actividades do Colectivo Cultural Ollomao poden consultar máis información no blog: http://www.blogoteca.com/ollomao/ e no perfil de Facebook: http://www.facebook.com/colectivoculturalollomao; ou ben enviar as súas consultas e/ou suxestións ao enderezo electrónico: colectivo.cultural.ollomao@gmail.com.