Nota de prensa
O 6 DE MARZO O SALÓN DE SESIÓNS ACOLLERÁ UN ENCONTRO DA XUNTA LOCAL DE SEGURIDADE DE RIBADEO.
Ribadeo, 29 de febreiro de 2012. O vindeiro martes, 6 de marzo, o salón de sesións do Concello acollerá un encontro da xunta local de seguridade de Ribadeo no que se analizarán os roubos perpetrados hai unhas semanas en vivendas e locais de hostalería de Ribadeo e os asaltos destes días en varios negocios da vila.
O alcalde, Fernando Suárez, lembra que se puxo en contacto co novo subdelegado do Goberno en Lugo hai semanas “cando se produciron unha serie de roubos en vivendas e locais de hostalería para solicitarlle de xeito urxente a convocatoria da xunta local de seguridade de Ribadeo. A data que acordamos foi a do 6 de marzo porque antes éralle imposible desprazarse á nosa vila ao novo subdelegado”.
O rexedor lamenta que “se teñan producido novos feitos delictivos en Ribadeo”, apela “á coordinación entre as forzas de seguridade para evitar que estes feitos continúen a rexistrarse” e chama “á colaboración cidadá para que todo aquel que vexa ou sinta algo o poña en coñecemento da Garda Civil ou da Policía Local para poder localizar e deter aos autores destes feitos, que desgraciadamente están a crear preocupación entre os veciños e as veciñas de Ribadeo”.