IGNORANTE DE PRIMEIRA
Mércores, 29 de febreiro de 2012. Vai facer un ano que un grupo de traballadores do Hospital da Costa, xunto con algúns colaboradores desinteresados, organizamos a celebración do 25º aniversario do Hospital, e traballamos durante meses desinteresadamente para que todos os mariñáns puideran (puideramos) celebrar que hai 25 anos que temos en Burela un hospital ao que ir operarnos, parir ou recibir un tratamento de diálise entre outras moitas cousas.
Para algúns, polo visto, é un “HOSPITAL DE 2ª E VAMOS A PEOR”, ou así apareceu escrito sobre un dos paneis da exposición fotográfica que realizamos eses traballadores do hospital e colaboradores desinteresados no noso tempo libre, e que agora permanecía no Centro de Saúde de Foz despois de circular polos concellos da Mariña, no ánimo de que todos os habitantes desta comarca tiveran a oportunidade de contemplar os avances do centro en imaxes. O que parece non ser de 2ª, sinon de 1ª, é a suprema ignorancia de quen fixo esta pintada, xa que, erros ortográficos aparte (en galego dise “imos”), engadeu noutros paneis as frases “¡¡PARA ESTO HAI CARTOS!! NON OS RECORTES”.
Os traballadores que elaboramos (voluntaria e desinteresadamente) eses paneis, que poden ser máis ou menos bonitos pero deron o seu traballo, preguntámonos a que se refire exactamente esta persoa co de que “para esto hai cartos”, xa que absolutamente todos os euros que se gastaron nesta celebración proviñan de doazóns feitas por institucións privadas ás que lles deu a gana de doar cartos para a ocasión, e non do SERGAS. O SERGAS, aclaramos para que o ignorante grafiteiro seipa do que fala de aquí en diante, unicamente deu permiso para colocar os paneis no interior do Centro de Saúde de Foz. Un permiso. Non cartos, nin horas de traballo.
“NON OS RECORTES”, reivindica esta persoa tamén na súa pintada. Non a que recortes? Non aos recortes contra os que están manifestándose nas últimas semanas os mesmos traballadores do Hospital, recortes dos que, por certo, son as primeiras vítimas xunto cos pacientes? Porque, noso querido grafiteiro ignorante descoñecido, repetímosche a ti e a todos os que poidan ter a mesma idea que tes ti na cabeza, que a celebración do 25º Aniversario do Hospital da Costa, así como estes paneis e o libro conmemorativo, non se realizaron con cartos do SERGAS: realizáronse con doazóns e colaboracións de institucións, ou empresas, ou persoas privadas que, porque lles deu a gana, quixeron poñer a súa parte, xa fora en cartos ou en horas de traballo (que vaia si as houbo) para celebrar 25 anos dun centro que nos está facilitando moito a vida xa non só a ti, ignorante, senón a todos os mariñáns.
Estes paneis levan expostos ao aire libre case un ano. As pintadas apareceron nos últimos días, cando se atopaban a cuberto por primeira vez no Centro de Saúde de Foz. Agardemos que ao grafitero ignorante descoñecido non lle dea agora por ir reivindicar que non se recorte en Educación grafiteando xenialidades nos murais dos nenos do Cantel.
Comisión organizadora do 25º Aniversario do Hospital da Costa