NOTA DE PRENSA:
O futuro Goberno de Feijóo adoptará medidas encamiñadas a facilitar a compra e arrendamento de vivendas a prezos accesibles despois de que, o departamento que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, se vira incapaz de promover ningún proxecto novo de vivenda social que non estivera iniciado no seu día polo anterior Executivo do Partido Popular
O PPdeG OFRECE SOLUCIÓNS PRÁCTICAS PARA QUE ACCEDER A UNHA VIVENDA NA MARIÑA DEIXE DE SER UNHA MISIÓN IMPOSIBLE
* Balseiro Orol amósase especialmente preocupado pola mocidade despois de que o Consejo de la Juventud certificase que mentres no segundo trimestre de 2005 cada mozo galego que aspirase a mercar unha vivenda debía dedicar a este obxectivo o 42,5% do seu esforzo, ese indicador disparouse ata situarse no 71,9% no segundo trimestre de 2008 en plena crise.
* Pensando nos mozos e mozas e nas familias máis xoves, o futuro Goberno do PPdeG porá á súa disposición vivendas xa construídas e sen vender a prezo concertado, cunhas condicións semellantes ás que, ata o de agora, se aplicaban en exclusiva para as vivendas protexidas.
* A incapacidade da Consellería de Vivenda en mans do BNG de adaptar os incentivos para a compra do futuro fogar á situación actual de crise fai que moitos pisos protexidos se estean a sortear continuamente entre os inscritos no rexistro de demandantes, pois non poden asumir os prezos actuais.
A Mariña, 19 de febreiro de 2009.- Acceder a unha vivenda converteuse, nos últimos anos, nunha misión imposible para moitos veciños da Mariña lucense e, de xeito especial, para os mozos e mozas da nosa comarca. Co obxecto de inverter esta tendencia, o futuro Goberno do Partido Popular de Galicia adoptará medidas encamiñadas a facilitar a compra e arrendamento de vivendas a prezos accesibles. Así o explicou o número tres da candidatura do PP por Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol. “O parón inmobiliario non está a repercutir nunha baixada xeneralizada dos prezos e a crise afoga as economías familiares de tal xeito que, en especial na Mariña, os aspirantes a obter unha vivenda cada vez aprazan para máis adiante esta posibilidade e os propietarios temen a cada recibo da hipoteca”
A pesar de todo isto, ata o momento, a Xunta de Galicia foi capaz de materializar o compromiso de construír 4.000 novas vivendas e eliminou incentivos que recibían os novos compradores como a Hipoteca Xove que, promovidos polo anterior Executivo do PPdeG facían moito máis doado este propósito. “En resumidas contas os preto de 18 mil euros que antes podían recibir en axudas directas e incentivos sobre o tipo de interese aqueles que compraban unha vivenda co BNG quedáronse na metade”.
XUVENTUDE
Balseiro Orol amósase especialmente preocupado pola mocidade despois de que o Consejo de la Juventud en España certificase que mentres no segundo trimestre de 2005 cada mozo galego que aspirase a mercar unha vivenda debía dedicar a este obxectivo o 42,5% do seu esforzo, ese indicador disparouse ata situarse no 71,9% no segundo trimestre de 2008 en plena crise.
Para eles o futuro Goberno do PPdeG presidido por Feijóo adoptará unha medida que implica a posta á súa disposición de vivendas xa construídas e sen vender a prezo concertado, cunhas condicións semellantes ás que, ata o de agora, se aplicaban en exclusiva para as vivendas protexidas
A tal efecto, o Goberno de Feijóo promoverá un acordo con todos os axentes que interveñen no mercado inmobiliario (promotores, notarios e entidades de crédito) para ofrecer esa vivenda libre a prezo concertado, de xeito que se podan mercar nunhas condicións moi vantaxosas, similares ás que se aplican para as vivendas protexidas. A Xunta fixará cada ano o prezo máximo por metro cadrado que poderá acadar cada un dos pisos que se saquen ao mercado dentro desa modalidade. Anualmente publicarase tamén o listado de vivendas acollidas, garantindo o cumprimento dos requisitos e as axudas dispoñibles para acceder a elas.
SORTEOS DESERTOS
Como crítica particular, Balseiro Orol salienta que a incapacidade da Consellería de Vivenda en mans do BNG de adaptar os incentivos para a compra do futuro fogar á situación actual de crise, fai que moitos pisos protexidos se estean a sortear continuamente entre os inscritos no rexistro de demandantes, pois os beneficiarios non poden asumir os prezos actuais ou non obteñen do banco o financiamento necesario para adquirilo.
Segundo Balseiro “non podemos conformarnos cada día espertemos cunha mala noticia en materia de vivenda, pola parálise na que está sumido, desde hai catro anos, o departamento autonómico con competencias na materia. A construción de vivendas de protección oficial descendeu un 85,8% en Galicia e que o número de visados de obra nova concedidos polos colexios de arquitectos baixou un 36%.
O PPdeG atribúe o retroceso sufrido polas políticas autonómicas de vivenda á falta de iniciativa da Consellería que dirixe Teresa Táboas, que en lugar de chamarse de Vivenda, debería denominarse de Propaganda, porque gasta máis en publicidade ca en medidas orientadas a facilitar o acceso dos mariñáns a unha morada digna.