Nota de prensa
A Deputación presenta as fórmulas contra o despoboamento dos mellores expertos de Galicia recollidas no libro Lugo Reacciona
– Gómez Besteiro e o coordinador da publicación, Xosé Gabriel Vázquez, presidirán o acto, que terá lugar mañá, ás 19:45 horas, no Salón de Actos de San Marcos. A entrada é libre
– Os asistentes recibirán un exemplar en papel da obra, que tamén pode descargarse de balde en versión dixital dende calquera dispositivo móbil con acceso á Internet
– Previamente á presentación, entre as 16:30 e as 19:30 horas, terá lugar un seminario sobre cooperativismo, unha das solucións recollidas no volume contra a grave caída demográfica que sofre a provincia
A Deputación de Lugo presentará mañá mércores as fórmulas contra o despoboamento demográfico que plantexan os mellores expertos na materia de Galicia recollidas no libro Lugo Reacciona. O Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, e o coordinador do volume e Doutor en Socioloxía, Xosé Gabriel Vázquez, presidirán o acto, que terá lugar ás 19:45 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Xunto a Besteiro e Vázquez, estarán outros tres autores da publicación: Andrés Precedo Ledo, Catedrático de Xeografía Humana da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Sineiro García, profesor titular do departamento de Economía Aplicada da Escola Politécnica Superior de Lugo; e José Manuel Colmenero, delegado en Lugo do Instituto Nacional de Estatística (INE).
Os asistentes á presentación, con entrada libre, recibirán un exemplar en papel desta obra, que tamén pode descargarse de balde en versión dixital dende calquera dispositivo móbil con acceso a Internet. Para elo, a persoa interesada ten que escanear o código QR (Quick Response, Resposta Rápida en galego) que figura nos carteis sobre a presentación do libro Lugo Reacciona colocados nos MUPIs da Praza de San Marcos.
Previamente ó acto no que se darán a coñecer as conclusións da publicación, terá lugar, entre as 16:30 e as 19:30 horas, tamén no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, un seminario sobre cooperativismo, unha das solucións recollidas no libro Lugo Reacciona contra a grave caída demográfica que sofre a provincia. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, inaugurará a xornada, titulada O Cooperativismo, unha fórmula contra o despoboamento. Seguidamente, haberá tres conferencias: As Actividades de cooperación económica no medio rural polas asociacións e cooperativas, a cargo de Francisco Sineiro; Da Cooperación intermunicipal á fusión de municipios: realidades e alternativas, que pronunciará Andrés Precedo Ledo; e Un Caso práctico real de cooperativismo, por Javier Taboada Rodríguez, presidente de Cooperativa Icos. O encontro cerrarase cun coloquio entre os poñentes, que moderará o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Juan José Díaz Valiño.
Un paso máis na loita contra a perda de poboación
A Deputación foi pioneira en reaccionar contra o despoboamento demográfico, rachando o silencio administrativo que existía. Creou unha área de goberno específica e abriu un foro de debate público e institucional organizando a Xornada Lugo Reacciona, un encontro no que os mellores expertos de Galicia se deron cita para unir os seus esforzos na procura de solucións que permitan fixar poboación na comunidade. Precisamente, o libro que se presenta mañá recolle as conclusións desa xornada. Ademais, o Presidente trasladoulle tanto á FEGAMP, como á FEMP, a necesidade de que a loita contra o despoboamento cobre forza nas súas axendas de actuación, porque ademais, non é soamente un problema que afecta a Lugo, se non ata a unha ducia de provincias en toda España, entre elas, outra galega, a de Ourense. Algúns dos datos máis reveladores sobre a gravidade da situación son que, segundo o Instituto Galego de Estatística, Lugo e Ourense perderán nos próximos dez anos un 7,5 e un 7% dos seus habitantes, respectivamente; o desequilibrio poboacional farase especialmente patente en áreas como a parte oriental de Lugo, de xeito que comarcas como as da Fonsagrada, Os Ancares e Sarria verán como o número de maiores de 65 anos cuadriplicará ó de menores de 20; e, de continuar a progresión actual, en 140 anos Lugo e Ourense quedarán despoboadas.
Agora, coa xornada sobre cooperativismo e a publicación do libro recopilatorio da Xornada Lugo Reacciona, a Deputación dá un paso máis para implantar solución eficaces, globais e a longo prazo e, ó mesmo tempo, implicar a outras institucións no empeño de saír desta espiral de perda de poboación.