Nota de prensa
RAQUEL ARIAS ANUNCIA QUE EDUCACIÓN REALIZARÁ OBRAS DE REFORMA E MELLORA NO CEIP NÚMERO 1 DE FOZ
A delegada territorial reuniuse hoxe co alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeiras, ao que explicou o proxecto, que suporá a substitución da cuberta do edificio principal do centro, no que se atopa tamén o ximnasio e o almacén
Nos últimos tres anos, o actual Executivo galego leva investidos arredor de 5 millóns de euros na mellora dos centros educativos da comarca da Mariña
Foz, 13 de febreiro de 2012.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acometerá durante o presente ano obras de reforma e mellora no Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) nº1 de Foz. Así o indicou hoxe a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, trala reunión que mantivo co alcalde da localidade mariñá, Javier Jorge Castiñeiras.
Na xuntanza, Arias explicou os pormenores do proxecto, que, como obra máis relevante recolle a substitución da cuberta do edificio principal do colexio, unha construción na que se atopan dependencias habitualmente empregadas polo alumnado de Educación Infantil, ademais dun ximnasio e o almacén do devandito centro escolar.
A delegada territorial da Xunta na provincia, Raquel Arias, destacou “o esforzo económico do Goberno autonómico para mellorar as instalacións dos centros educativos de Lugo e ampliar as dotacións das que dispoñen os alumnos”. As actuacións e melloras subvencionadas pola Xunta de Galicia neste centro de Foz contan cun partida orzamentaria prevista de preto de 42.000 euros.
A delegada territorial, que ademais desta actuación abordou outros temas co rexedor da localidade, asegurou que dende o Executivo autonómico se seguirá traballando para que “a oferta educativa pública na provincia sexa o máis completa posible, é para iso trabállase para dotar aos centros do equipamento necesario, optimizando os recursos públicos”. Neste sentido, subliñou que nos últimos tres anos, o departamento de Educación “leva investidos arredor de 5 millóns de euros en obras de construción e mellora en centros da comarca da Mariña”.
As obras no CEIP nº1 de Foz, que está previsto que se acometan nun período que permita que as instalacións estean dispostas para o seu uso ao inicio do vindeiro curso, contan cun prazo de execución previsto dun mes e medio.