Nota de prensa
“”A importancia dos xoguetes na evolución da infancia””
Charla-presentación do último nº 51 da Revista Galega de Educación (RGE)
Publicada polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega (NEG)
O acto terá lugar no CENIMA de Foz o día 16 de febreiro a partir das 18,30
Acto dirixido a familias, docentes e persoas interesadas no xogo e xoguete tradicional.
Intervirán:
Suso Ferreiro, de NEG e profesor do IES Dionisio Gamallo (Ribadeo): A necesidade de xogar
Xermán Viluba, da Liga Nacional de Billarda e músico: Xogar en contexto con fórmulas e xoguetes-instrumentos
Emilio González, de NEG e orientador do IES Marqués de Sargadelos (Cervo): O monográfico da RGE “Os xoguetes tradicionais”
Ana Méndez-Iragorri, do Observatorio da Mariña pola igualdade, técnica de igualdade: O Xogo e xoguete: consciencia da necesidade de coeducar
RESEÑA:
En marzo do ano 2007 vía a luz o número 37 desta Revista Galega de Educación, dedicando o monográfico a un estudo pormenorizado do mundo dos xogos tradicionais e o seu papel nos nosos días, así como unha análise dos proxectos de recuperación que daquela se estaban a realizar ao noso redor.
Hoxe, case un lustro despois, neste número 51 da RGE queremos aproximarnos ao mundo dos irmáns de sangue dos xogos tradicionais, que son os xoguetes. Se cadra non tan suxeitos a unhas regras como os primeiros e si máis expostos á imaxinación de quen os realiza, mais non obstante, ambos os dous pezas clave do noso patrimonio cultural inmaterial. Un Pobo que xoga, argalla e brinca é un Pobo feliz.
Tomando como referencia textos publicados neste número da revista, lemos que o ser humano dende sempre tivo a necesidade, en todas as etapas da vida, de aprender, relacionarse e de adaptarse ao ambito onde vive; o xogo cubriu todos e cada un destes aspectos, ainda que é na infancia cando este será vital para o desenvolvemento integral da persoa.
O cambio dos modos de vida e outros moitos factores relegaron as actividades lúdicas tradicionais practicamente ao esquecemento. Ao recuperalas, adaptalas e potencialas dende e para a escola, converteranse en ferramentas educativas multidisciplinares de primeira orde.
O xoguete é un recurso pedagóxico ineludible dado o carácter lúdico da etapa da infancia. Ten un valor evidente como elemento motivador e estimulador da aprendizaxe do alumnado. Daquela, o brinquedo e o seu mundo non poden estar e vivir de costas ao ensino. A escola non pode vivir pechada ao medio no que se desenvolve. Xogos e xoguetes son o espello da súa sociedade, construcións simbólicas nas que as persoas organizan un espazo de inventiva e de liberdade.
Día: xoves 16 de febreiro
Lugar: Salón de Actos do Centro de Interpretación da Mariña-CENIMA –fronte á biblioteca- (Foz)
Hora: 18:30 horas
Dirixida a: familias, docentes e persoas interesadas no xogo e xoguete tradicional.