RIBADEO.- A asociación de veciños O Tesón de Ribadeo mostran a súa preocupación porque a sinalización de accesos á vila dende a autoestrada non son claros. Consideran que isto pode afectar negativamente ao comercio, xa que unha porcentaxe importante de xente pode pasar de largo e ir para outras poboacións.
NOTA DE PRENSA:
Dende a AVV de Veciños O Tesón vemos con preocupación que, dende que se finalizou a autovía ó paso por Ribadeo, foise esquecendo un feito que é importante para a nosa vila: se se ven dende Galicia, é doado pasar de largo sen decatarse que a única saída para Ribadeo está antes do mesmo pobo, mesturada coa indicación de ‘porto de Ribadeo’ e ‘Vegadeo’.
Á polémica xerada en principio por este feito, seguiu un cada vez máis profundo esquecemento do tema. Nin a precampaña electoral, nin os inicios da campaña variaron esta tendencia, só amañable con vontade política. Isto significa que se está a escamotear polo tanto mesmo as promesas da súa solución.
Sabemos que non é o único caso que afecta a infrastructuras de estradas, pois aí está nunha situación parella o entronque entre a circunvalación e a estrada que vertebra toda a zona rural interior do concello. Sen esquecer iste dato, tamén sabemos o dano que representa para Ribadeo que unha porcentaxe apreciable de xente pase de largo por non ter que dar a volta na autovía unha vez cruzada a ponte.
Así, pedimos ós partidos que a saída para Ribadeo no cruce de Vilaselán teña presencia nos mítines e no futuro. Despois dista petición, polo momento quedamos á espera de que sexa recollido o testigo: estamos dispostos a apoiar a petición, sexa cunha recollida de sinaturas ou mesmo promovendo unha manifestación, dúas posibilidades que cremos que terían éxito. Tamén o estamos para poñernos en posición e enfrontarnos, en caso necesario, para conseguir canto antes algo que cremos moi convinte para Ribadeo.