BURELA (FNC) .- As xornadas de degustación do ourizo que organiza a Concellaría de Mar coa colaboración dos bares e restaurantes da vila celebraranse os días 27 e 28 de febreiro e o 1 de marzo. O prato ou ración de ourizo que se ofrecerá preparado de diversas maneiras terá un prezo de 4 euros, segundo acordaron os organizadores no encontro que mantiveron onte á tarde no Concello de Burela.
As persoas que acudan a estas xornadas recibirán unha tarxeta para ir selando en todos os bares e restaurantes polos que pasen e despois entrarán no sorteo dunha cena para unha parella en calquera dos establecementos hostaleiros participantes nesta nova cita gastronómica.
Cos pratos preparados a base de ourizo será elaborado un terceiro libro de receitas ao igual que xa se fixo coa pescada e co bonito. Éste último receitario vai ser presentado en breve.
Á xuntanza preparatoria celebrada onte asistiron a edil de Mar, Remedios López Villar e o alcalde de Burela, Alfredo Llano.