Nota de prensa:
A INTERNACIONAL BRASILEIRA CELY GAYARDO, NOVA XOGADORA BURELISTA
A internacional brasileira Araceli Gayardo, Cely, será xogadora do Burela FS Pescados Rubén para o resto da tempada. Procedente do actual campión da liga brasileira, o prestixioso UnoChapecó, a pivote (São Miguel do Oeste-SC, 1988) chegou hoxe mesmo á Mariña dende o seu país natal; na súa presentación oficial, na sede social do club laranxa, estivo arroupada polo vicepresidente, Manuel Blanco, e o directivo Marcelino Luna.
Cely amosouse ilusionada coa chegada ao fútbol sala español e ao Burela FS: “Veño pola experiencia de xogar fóra do Brasil; ata este ano a formación académica, en Fisioterapia, freaba en certa medida a miña mobilidade, pero agora que xa rematei os estudos podo redescubrir este deporte nun país que destaca pola organización do fútbol sala, outro aspecto que tamén me motivou a dar o salto”, explicou a internacional, que vén de proclamarse campioa coa ‘canarinha’, xunto á burelista Jozi, no II Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino (Brasil 2011) e no Sudamericano de Venezuela. “As miñas principais metas nesta nova etapa céntranse, en axudar ao equipo na táboa coa miña faceta finalizadora, e a gozar do fútbol sala en España, a estar feliz co que máis me gusta”, concluíu a brasileira.
Dende as filas laranxas, Manuel Blanco e Marcelino Luna congratuláronse desta nova incorporación, que “contribuirá coa súa calidade e experiencia aos obxectivos do equipo tras a lesión de Lucía” e destacaron “os arduos labores de contacto e negociación tanto do corpo técnico feminino coma do masculino” nas últimas chegadas ao club burelista.
Cunha traxectoria vinculada aos dous grandes ‘canarinhos’, UnoChapecó (2003-05 e 2008-11) e Kindermann-Caçador (2006-07) e tan só 23 anos, a futbolista comezou o seu despegamento deportivo co Campionato Brasileiro de Seleções Sub-20 (2007), Taça Brasil Sub-20 (2006, 08) e Campionato Catarinense Sub-20 (2006, 07), entre os seus títulos, nun palmarés que completan o Mundial de Interclubs Copa das Naçoes (2009, 2010 e 2011), Liga Futsal Feminina (07, 08, 09, 10 e 11), Taça Brasil (06, 09, 10 e 11) ou as Olimpíadas Universitárias Brasileiras (07, 10), Jogos Abertos do Brasil (06,10), Campionato Catarinense (03, 06, 07, 09, 10 e 11), Jogos Universitários Catarinenses (06,07,09, 10) e Jogos Abertos de Santa Catarina (03, 07, 09, 10 e 11).