Nota de prensa
A XUNTA DESTINARÁ MÁIS DE 4,5 MILLÓNS DE EUROS ÁS FEDERACIÓNS DEPORTIVAS GALEGAS NO ANO 2012
O secretario xeral para o Deporte asina os convenios coas Federacións deportivas con sede na Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago
Ao igual que o ano 2011, os convenios terán tramitación anticipada de gasto, o que posibilitará un máis pronto cobro das axudas por parte de cada unha das entidades deportivas beneficiarias
A Coruña, 18 de xaneiro de 2012.- A Xunta de Galicia destina máis de 4,5 millóns de euros á colaboración coas federacións deportivas ao longo do ano 2012. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou hoxe na cidade herculina os convenios de colaboración coas federacións que teñen sede na Coruña, Ferrol, Lugo e Santiago.
Deste xeito, a Xunta asina con cada unha das federacións deportivas existentes na comunidade os distintos convenios que prevén o desenvolvemento das competicións, a participación das seleccións galegas, o fomento do deporte feminino e da respectiva modalidade deportiva entre persoas con algunha discapacidade, o fomento do deporte base, a tecnificación (programas de adestramento e competición), a actividade deportiva en idade escolar e outros proxectos de especial relevancia no ámbito das distintas federacións deportivas.
Tramitación anticipada do gasto
Da mesma forma que o derradeiro ano, os convenios de colaboración coas federacións deportivas tramitaranse con procedemento anticipado de gasto, o que posibilita asinar estes convenios xa no mes de xaneiro, e así un máis pronto cobro das axudas por parte de cada unha das entidades beneficiarias.
Esta medida de optimización na xestión, pretende axudar a compensar o impacto da actual conxuntura económica nas entidades federativas e así poder garantir o normal desenvolvemento da actividade federativa para o ano 2012.
Axudas a clubs
A subscrición destes convenios veñen a continuar coa aposta da Secretaría xeral para o deporte pola actividade deportiva en Galicia, sumándose a recentemente publicada convocatoria de axudas a clubs por un monto de máis de 3.000.000 de euros, e ao Plan de patrocinios, por un importe de 2.000.000 de euros, asinado o pasado mes de decembro cos equipos de Alta competición de Galicia.