Nota de presa:
Medio Ambiente publica hoxe no DOG a orde que regula a pesca nas augas continentais para a tempada de 2012
A norma, vixente ata que se publique a de 2013, establece épocas hábiles, tamaños mínimos, cotas de captura, tipos de engado e modalidades permitidas
No que se refire á captura de salmón, os coutos compartidos con Asturias, no río Eo, abrirán a tempada o día 18 de marzo co obxecto de armonizar as normativas de ambas comunidades
Na orde explícase que non se poderán utilizar engados naturais, excepto para a pesca de salmón
Co fin de potenciar a modalidade de pesca sen morte amplíase a tempada nos coutos conveniados coas sociedades colaboradoras de pescadores dende o 1 de agosto ata o 30 de setembro
Santiago, 18 de xaneiro de 2012.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde pola que se establecen as normas de pesca nas augas continentais da comunidade autónoma de Galicia durante a tempada 2012. Esta norma entrará en vigor mañá, día seguinte da súa publicación, e manterase vixente ata a publicación da correspondente á tempada do ano 2013.
Nesta orde da Dirección Xeral de Conservación da Natureza especifícanse as normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas (de peixes) e dos demais seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia. Así, establécense as épocas hábiles, tamaños mínimos das especies, cotas de captura, tipos de engado que se empregarán en cada caso e modalidades de pesca permitidas.
As principais novidades que incorpora esta orde céntranse na pesca de especies como o salmón, o reo e a troita. No que se refire á captura de salmón, os coutos compartidos con Asturias, no río Eo, abrirán a tempada o día 18 de marzo co obxecto de armonizar as normativas de ambas comunidades. Os cupos de captura manteranse como os da tempada anterior e son: 8 exemplares no río Lérez, 5 no Mandeo, 15 no Masma, 5 no Miño, 10 no couto de Salmeán e 35 no río Ulla. Coa captura dos 25 primeiros salmóns finalizarase a tempada no couto de Ximonde, permanecendo hábiles os coutos de Couso e Sinde para a captura dos 10 salmóns restantes.
En relación á pesca do reo, nos coutos compartidos do río Eo, séguense as mesmas normas que no caso do salmón. Os demais coutos abren o 1 de maio e pechan o 30 de setembro, agás o de Betanzos que pecha o 16 de setembro.
No que atinxe á troita, nos coutos compartidos do río Eo tamén se repiten as mesmas circunstancias que na pesca das anteriores especies. O período para a pesca en augas salmoneiras, de reo e de montaña está comprendido entre o 1 de maio e o 31 de xullo. Os coutos de pesca sen morte, dende o 18 de marzo ata o 30 de setembro; e o resto das masas de augas troiteiras, do 18 de marzo ao 31 de xullo.
Na orde que hoxe se publica no DOG tamén se explica que non se poderán utilizar engados naturais, excepto para a pesca de salmón.
O anuncio indica que co fin de potenciar a modalidade de pesca sen morte amplíase a tempada nos coutos conveniados coas sociedades colaboradoras de pescadores dende o 1 de agosto ata o 30 de setembro. Nestes coutos poderase pescar todos os xoves da tempada.