Nota de prensa
A XUNTA APOIA A INTERNACIONALIZACIÓN DE SARGADELOS E A ACTIVIDADE DAS SÚAS GALERÍAS DENTRO E FÓRA DE GALICIA
O obxectivo deste acordo, dotado con 354.000 euros, é facer visible e favorecer a internacionalización da cerámica galega a través das Galerías de Sargadelos
Esta firma dispón de 15 Galerías que funcionan como puntos de distribución en exclusiva, ás que se pode engadir a súa presenza nunha rede de máis de 60 tendas multimarca en España, noutros países europeos, Asia e América
Ao abeiro deste acordo, ofrecese a infraestrutura necesaria para a montaxe de exposicións e máis obradoiros experimentais de cerámica
O Consello da Xunta vén de autorizar á Consellería de Economía e Industria á sinatura dun convenio de colaboración coa Fábrica de Cerámica Sargadelos, para unha campaña de internacionalización, centrada en apoiar a actividade expositiva das Galerías de Sargadelos dentro e fóra da Comunidade.
Con este acordo, dotado con 354.000 euros, o Goberno da Xunta continúa a apoiar a difusión da cerámica galega dentro e fóra da Comunidade Autónoma, co obxectivo de facela visible e favorecer a súa internacionalización da man dunha das firmas de deseño máis emblemáticas de Galicia.
Neste sentido, cómpre lembrar que a Fábrica de Cerámica Sargadelos, S.L. dispón de 15 Galerías Sargadelos que funcionan como puntos de distribución en exclusiva, ás que se pode engadir a presenza da firma nunha rede de máis de sesenta tendas multimarca en España, noutros países europeos, Asia e América.
Con esta iniciativa ofrécese a través das Galerías da firma a infraestrutura necesaria, para a montaxe de exposicións con pezas singulares, así como exposicións monográficas conxuntas e máis obradoiros experimentais de cerámica.
Neste sentido cómpre lembrar que, xunto á súa actividade industrial e comercial, Sargadelos leva adiante un importante labor de difusión e promoción da cultura galega, principalmente, dos talentos máis novos, sendo unha das firmas de deseño e produción de porcelanas de artesanía máis recoñecidas en Europa.