Nota de prensa
O EQUIPO DE GOBERNO ASEGURA QUE A CONTRATACIÓN DUNHA CONCELLEIRA BURELESA POR PARTE DA FUNDACIÓN EU SON É TOTALMENTE LEGAL. O INFORME EMITIDO POLA SECRETARÍA MUNICIPAL DI QUE “NON HAI INCOMPATIBILIDADE”.
Burela, 21 de decembro de 2011. A contratación dunha concelleira burelesa membro do equipo de goberno pola Fundación Eu son, con carácter temporal, é totalmente legal, segundo afirman desde o propio equipo de goberno burelés, logo de ter coñecemento do informe emitido pola Secretaría municipal a petición da concelleira do Grupo Mixto. En dito informe indícase que “non hai incompatibilidade”.
O informe, extenso, recolle distintos aspectos da normativa legal vixente, e fai referencia á variada xurisprudencia sobre a materia. O contido das conclusións do informe é o seguinte:
“Conclusión:
Tal e como dispón o artigo 178.2.b) da LOREX, son incompatibles para ser concelleiros os directores de servizos, funcionarios ou restante persoal activo do respectivo Concello e das entidades e establecementos de él dependentes. Ningunha de estas circunstancias concorre na concelleira contratada pola Fundación Eu Son, xa que a fundación é de interese galego, pero non dependente do Concello, aínda que o alcalde sexa o presidente da mesma.Tamén, para o caso que nos ocupa, é irrelevante que a Fundación estea ubicada nun local de titularidade municipal.
Tampouco, dende o punto de vista do réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das Administracións públicas, lle afecta incompatibilidade algunha, ao non desempeñar a concelleira o cargo electivo con dedicación exclusiva e retribuída, conforme o artigo 5 da Lei 53/1984, de 26 de decembro, do persoal ao servizo das Administracións públicas, e o artigo 75 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Se a concelleira traballa nesta Fundación, o que sí debe facer é absterse de participar nos asuntos municipais que afecten á mesma (no caso de que os houbera), de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común”.
O equipo de goberno do Concello de Burela explica que “o informe está datado o día vinte do presente mes de decembro e foi coñecido no día de hoxe polos membros do Padroado da Fundación Eu son, que tiña convocada unha reunión para aprobar o seu presuposto para o vindeiro ano 2012. A actividade da Fundación non se rexe polo dereito administrativo, polo que non lle é de aplicación a normativa legal que rexe para as administracións públicas”.