Nota de prensa
O GOBERNO MUNICIPAL DO PP “COLOCA” NA FUNDACIÓN Eu Son, QUE PRESIDE O PROPIO ALCALDE, A UNHA CONCELLEIRA DO SEU GRUPO
Dende o BNG imos solicitar da Secretaría do Concello un informe xurídico para aclarar a posible compatibilidade ou non entre as responsabilidades políticas dunha concelleira do grupo de goberno municipal do PP e o desempeño por esta persoa dun posto de traballo na Fundación “Eu Son” de Burela, cuxo Padroado preside o Alcalde do Concello.
O mes pasado fomos coñecedores de que esta concelleira do PP fora seleccionada para un posto de traballo na devandita Fundación e que no proceso de selección intervira outra concelleira do grupo de goberno. Preguntado o Alcalde, no Pleno que se celebrou a principios deste mes, sobre este tema e ante a súa absurda resposta dicíndonos que foramos preguntar á Fundación, cremos dende o BNG que o Alcalde debe dar unha resposta pública a este feito e non agochar a cabeza posto que el, como Alcalde, preside o Padroado desta Fundación, o órgano de goberno, representación e administración da citada Fundación.
Os estatutos desta Fundación, que ten o seu domicilio social na propia Casa do Concello, fixan que o Padroado está integrado por catro representantes do Concello: o Alcalde, como Presidente do mesmo, o primeiro tenente de Alcalde, a concelleira de Servizos Sociais e a Traballadora Social do Concello. Polo tanto, o Concello de Burela, é arte e parte maioritaria no máximo órgano de goberno e administración da Fundación e o Alcalde, o seu máximo representante.
E agora atopámonos con que unha concelleira do PP é seleccionada para traballar nesta Fundación.
Ante esta situación e a actitude do Alcalde de non respostar á nosa pregunta no Pleno, cremos que é indispensable para aclarar esta conxuntura que dende os servizos xurídicos da Secretaría do Concello se emita un informe sobre a compatibilidade ou non de que esta concelleira do PP traballe para unha institución como a Fundación presidida polo Alcalde e siga sendo tamén concelleira.
Independentemente desta compatibilidade xurídica, que xa se determinará, este feito non vén máis que a darnos a razón cando no Pleno dos orzamentos cualificabamos de innecesarias e só oportunas para pagar favores políticos as dúas prazas de auxiliar administrativo que vai crear o equipo de goberno do PP para o próximo ano no Concello (porque iso si, non haberá cartos para as luces de Nadal ou para os clubs deportivos ou para as asociacións… pero si hai cartos -30.000 € en concreto- para contratar a dúas novas persoas no Concello). O PP xa “colocou” a unha concelleira súa como traballadora nesta Fundación e para o ano que vén colocará a dúas persoas máis para agradecerlles os favores feitos.