Nota de prensa
A Deputación reduce por segundo ano consecutivo os gastos correntes, os de persoal e políticos e a débeda
– O Orzamento 2012, aprobado no pleno cos votos en contra do PP, é “realista, cumpre o principio de estabilidade presupostaria e está centrado no emprego e no benestar social para loitar contra o despoboamento e o desemprego”, subliñou a Deputada de Economía
– García Porto explicou que aumenta o capítulo de investimentos reais en preto de 9 millóns de euros “pola boa xestión dos fondos europeos que fixemos no anterior mandato”
– Fronte ó compromiso da Deputación coas demandas e necesidades dos lucenses, a Deputada preguntoulle ó portavoz da oposición “onde vai a Xunta, ou a ‘desXunta’, porque desfai todo o que toca, nin Rolda Leste, nin auditorio de Lugo, nin Preescolar na Casa…”
– A Deputación insta á Xunta a dotar ó 1º Centro de Recría Público en España dun programa de mellora xenética e a definir a súa postura sobre este proxecto logo de que Feijóo e Suárez rexeitanse visitar as obras que executa a institución na Granxa Gayoso Castro
A corporación provincial aprobou no Pleno ordinario deste martes, cos votos a favor do Goberno e en contra do PP, o Orzamento da Deputación para o ano 2012, que ascende a 93.901.797 euros, e no que a institución reduce, por segundo ano consecutivo, os gastos correntes, os de persoal e políticos, ademais da débeda, mentres que aumenta o investimento. A Deputada de Economía e Facenda e Vicevoceira da Deputación, Pilar García Porto, quen defendeu as contas no debate plenario, subliñou que o Presuposto “ten dúas características fundamentais: a primeira, que é realista, centrado no emprego e no benestar social para loitar contra o despoboamento e o desemprego, que é a mellor forma de cooperar cos Concellos, e a segunda, que está equilibrado e segue mantendo o cumprimento de estabilidade orzamentaria, que xa acadamos no ano 2011 tras aprobar –fomos a primeira Deputación que o fixemos- un plan económico-financeiro para conseguilo. Así nolo marcamos e así o cumprimos”.
García Porto detallou que en 2012 os gastos correntes baixan en 2,2 millóns (un 12,31%), “co que continuamos cun enorme esforzo no control de gasto de todas as áreas”; e os de persoal e políticos recórtanse en 1,1 millóns (un 4,38%) “debido principalmente á reestruturación do cadro de persoal, coa que optimizamos recursos, ó recorte en retribucións varias e á redución dun 20% dos asesores”. En canto á débeda, engadiu, “despois de reducila xa en 10 millóns nesta anualidade de 2011”, amortízase en 4,6 millóns, co que “logramos manternos por debaixo do máximo actual do 75% dos dereitos liquidados, nin tampouco acudimos a operacións de crédito no INLUDES, nin en SUPLUSA”. Ademais, redúcese a operación de crédito solicitada, que pasa de 5,2 a 4,5 millóns, polo que, tamén por segundo ano consecutivo, imos amortizar máis do que nos endebedamos”.
Así mesmo, as inversións reais aumentan en preto de 9 millóns de euros “grazas sobre todo a que a Unión Europea premiou á Deputación pola xestión dos programas comunitarios e revalidou todas as propostas que presentamos, converténdonos na única Deputación galega á que non lle rexeitaron nin un só proxecto na convocatoria 2011-2013 e conseguindo actuacións por valor de 25 millóns”, asegurou a Deputada de Economía. A partida correspondente á anualidade de 2012 de fondos europeos ascende a 14,4 millóns de euros que se investirán, segundo lembrou García Porto, “nas tres estratexias de actuación que, segundo din os expertos, son imprescindibles para fixar poboación e crear emprego: a formación para a inserción laboral nas profesións con máis futuro –a través do Pacto Provincial polo Emprego-; as novas tecnoloxías –co programa tecnolóxico Innova-TE 2-; e proxectos de economía medioambiental –co Lugo2-“.
Consorcio de Bombeiros e Plan Urban
A Deputada remarcou, con respecto á partida de Transferencias de Capital, “o aumento en partidas importantes como a do Consorcio de Bombeiros, na que xa está contemplado Monforte de Lemos e que ascende a 2,3 millóns; incrementamos a achega ó convenio coa Xunta e o Concello de Barreiros en materia urbanística; e aumentamos tamén ata os 650.000 euros a anualidade do Plan Urban, que ten por obxectivo dinamizar economicamente o centro histórico do Concello de Lugo, e que tan bo resultado está dando”.
Insistiu así mesmo que, tras “saldar as grandes débedas históricas coa provincia”, “este é o Orzamento da recuperación demográfica, o emprego e o benestar social, polo que, fronte ós recortes brutais da Xunta, o presuposto da Deputación apuntala o Estado de Benestar, axuda a crear emprego e impulsa o gran tecido cultural, deportivo e veciñal co que contamos na provincia, sen excepcións”.
Asegurou que a partida destinada a Axuda no Fogar sube ata chegar ós 600.000 euros, “o que contrasta co recente anuncio da Xunta de aplicar un brutal recorte ós Concellos neste ámbito, que nalgúns casos chega ó 80%, e que pode supoñer redución de postos de traballo. Nós apostamos pola axuda do fogar, isto é garantir os servizos públicos, o que significa tamén crear emprego”.
O Orzamento 2012 contempla a partida suficiente para a constitución da Empresa Provincial de Turismo, que terá capital maioritariamente público, pero que ten a porta aberta á iniciativa privada, e persegue tres obxectivos: desestacionalizala actividade turística, diversificala e coordinar esforzos entre a iniciativa pública e privada.
Fronte ós recortes que aplicou a Xunta, a Deputación mantén a inversión en Cultura e Deporte en liñas de axuda de concorrencia competitiva, contemplando no Orzamento 400.000 euros para asociacións e 500.000, para colectivos e clubes deportivos. “Estas axudas son a garantía da pervivencia de centos de clubs deportivos en Lugo, pero tamén garanten que centos de asociacións culturais poidan desenvolver a súa actividade”, sinalou a Deputada de Economía e Facenda.
O Goberno galego “desfai todo o que toca”
Fronte ás inversións e o compromiso da Deputación coas demandas e necesidades dos veciños da provincia, Pilar García preguntoulle ó portavoz da oposición, José Manuel Barreiro, “onde está a Xunta, ou a ‘desXunta’ porque desfai todo o que toca. Se non son capaces de poñer un euro para o centro de recría de gando que piden os gandeiros lugueses mentres que si que o están facendo cos privados; se non son capaces de dicir que concertan prazas nas residencias da Deputación mentres que o están facendo cos privados; se non son capaces de facer, como é a súa obriga e compromiso, a Rolda Leste na cidade de Lugo que leve a circulación ó HULA evitando o Paseo do Rato; pero se seguimos esperando polo Auditorio de Lugo cando a ponte do río Miño leva meses e meses en funcionamento, e iso que empezaron a un tempo; pero se deixan ós nenos do rural sen educación, afogando un programa exemplar como Preescolar na Casa; pero se a Xunta ata tivo a Muralla de Lugo ‘a monte’ e a escuras, durante máis dun ano, que para ver polo adarve hai que ir alumeando co teléfono móbil ou levar lanterna…”
A Deputada e Vicevoceira da Deputación engadiu que o PP “demostra que non ten modelo para esta provincia. Nin están nin se lles espera. Anímolles a traballar pola recomposición da provincia Lugo, non pola descomposición. Os proxectos de calado non lles interesan, aínda que teñan que vir os de fóra, como sempre, neste caso a Unión Europea, para poñelos en valor”. “A min, como luguesa, dóeme que o Partido Popular, sempre estea ausente nos asuntos que fan provincia. Repiten os erros do anterior mandato. O mesmo PP que incumpriu no pago ós concellos polo canon hidroeléctrico, cos parques de bombeiros, coa UNED en Lugo… volve repetir patrón co centro de recría, coas residencias da terceira idade e cos centros de día, coa axuda no fogar, etc.”
Co PP baixaron as achegas de fondos europeos á Xunta en 30 millóns
Pola súa banda, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, comparou a xestión de fondos europeos que fai organismo provincial fronte á da Xunta: “Hai un feito obxectivo: a Unión Europea premiou á Deputación de Lugo e revalidou a súa confianza en nós aprobándonos todos os programas que presentamos. É dicir, para Europa, a xestión da Deputación de Lugo vai polo bo camiño. Emprego, novas tecnoloxías e a economía vinculada ó medio ambiente son armas contra a crise e o despoboamento. Sabe o que fixo a Xunta de Galicia cos fondos europeos? Cos fondos FEDER da convocatoria 2007-2013 non foi capaz nin de certificar o 50% a estas alturas e, desde o 2010, baixaron en 30 millóns a aportación de fondos europeos para o medio rural: axudas da PAC, plans de mellora e incorporación de mozos e liñas do Contrato de explotación sustentable, reordenacións das estruturas agrarias e medidas de prevención de incendios e produción forestal… Así non extinguirán os incendios… van extinguir o rural”.
Centro de Recría
O Pleno aprobou ademais instar á Xunta a que dote ó 1º Centro de Recía público en España dun programa de mellora xenética da cabana frisona. Esta petición prodúcese logo de que o Goberno galego desmantelase a Unidade de Transferencia Embrionaria de Bos (A Coruña), recortando o seu presuposto en 375.000 euros, deixando caer en mans privadas a oferta de embrións e, polo tanto, incrementando os custes ós gandeiros. O programa de Bos, que levaba en marcha dende o ano 91, proporcionaba a todas as gandeirías xenética de alta calidade a un prezo competitivo, feito que supoñía a mellora do rabaño, a redución de custes e o aumento da competitividade das explotacións.
Negativa de Feijóo e Suárez
Nesta mesma proposta ínstase ó Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a manter unha reunión urxente co titular provincial, José Ramón Gómez Besteiro, co fin de definir a postura do Goberno galego sobre o Centro de Recría logo de que, tanto Feijóo, como o Conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, declinasen a invitación para coñecer as súas obras. Pola contra, ambos mandatarios visitan centros de recría privados na provincia cos que a Xunta si colabora. O Executivo provincial considera que a administración galega con competencias directas en Medio Rural, como é a Xunta, debe ser partícipe do que é o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo en Galicia nas últimas décadas. E é que o Centro da Deputación triplica a capacidade de recría de gando frisón existente na Comunidade, evitando que os gandeiros leven fóra as súas novillas e, polo tanto, aforrándolles custes. O Goberno provincial avoga ademais, porque neste mesmo encontro se formulen solucións comúns que fagan fronte ás dificultades que sofre o sector agrogandeiro. Segundo un estudo da Organización de Produtos Lácteos, a débeda media das granxas galegas ronda os 60.000 euros, sendo unha das máis altas en España e ameazando co peche destes negocios.
Rolda Leste
A sesión acordou tamén, instar á Xunta a dotar “urxentemente” do orzamento suficiente á Ronda Leste e a definir os prazos para a súa posta en marcha tal e como se comprometera a facer. O incumprimento da Xunta levou consigo a que o tráfico no Paseo do Rato pasase dos 650 vehículos diarios ós 4.500, convertendo un paseo que dá acceso a unha área verde nunha circunlavación. O Goberno provincial levou esta proposta ó Pleno logo de constatar que a Xunta só achega a esta infraestrutura 20.000 euros no Presuposto para 2012, facendo imposible a súa apertura.