Nota de prensa
NACE UN RIBADEO SONDA NORTE, UNHA PLATAFORMA ABERTA FORMADA POR PERSOAS INTERESADAS NA CREACIÓN CULTURAL QUE SE FAI EN RIBADEO. DO 2012 AO 2015 PREVÉ A REALIZACIÓN DE FESTIVAIS DE ARTES E IDEAS NA RÚA E NOITES TEMÁTICAS, ENTRE OUTRAS PROPOSTAS. SONDA NORTE FOI PRESENTADA HOXE POR XAVIER CAMPOS.
Ribadeo, 26 de novembro de 2011. O concelleiro de Mocidade e Sociedade da Información, Xavier Campos, presentou Sonda Norte este mediodía na Casa das Algas. Trátase dunha plataforma aberta, formada por todas as persoas interesadas na creación cultural que se fai en Ribadeo, en calquera das súas vertentes. Os obxectivos cos que nace este proxecto son apoiar a creación de contidos culturais en Ribadeo, darlles a ditos contidos a máxima visibilidade e difusión, mellorar a formación artística específica dos creadores locais e poñer en relación aos creadores e creadoras locais e os seus traballos con creadores doutros puntos de Galiza e de fóra.
Sonda Norte estará composto dunha web, un festival de artes e ideas na rúa, un ciclo de noites temáticas con creadores locais, un programa de formación artística, un programa de apoio ás producción culturais ribadenses e á súa distribución e un programa de voluntariado cultural. A intención de Xavier Campos é levar adiante este proxecto desde o vindeiro ano e ata o 2015, “sen présa, mais tamén sen pausa”.
O edil nacionalista considera que “o diñeiro público, de todos e todas, non debería servir para reforzar un modelo de cultura-espectáculo, senón outros coma: o da cultura de base, o da cultura popular, o da cultura alternativa. E proxectos coma éste, Sonda Norte”. Campos subliñou que “recurriremos á orixinalidade e á boa vontade da xente, porque contaremos cun presuposto reducido adaptado á austeridade económica que nos toca vivir neste momento”.
De Sonda Norte poderá formar parte calquera persoa, xa que se organizará de forma aberta, a través dunha Asemblea e Coordinadora, “non nos imos constituir formalmente como colectivo. Segundo explicou Xavier Campos “o festival de artes e ideas na rúa que pensamos facer sería no verán e o ciclo de noites temáticas queremos programalo cada dous meses”. O concelleiro de Mocidade indicou que en Sonda Norte o protagonismo será da xente nova de Ribadeo. Sonda Norte bota a andar no día de hoxe coa súa presentación pública.