Todo por Galicia?
Crise aparte, unha das cuestións que máis marcou a campaña electoral neste norte galego foi o intento duns e outros, uns máis que outros, de arrogarse á condición de ser a voz de Galicia en Madrid.
Os nacionalistas, co aval da historia, a recente, porque non é moita a do nacionalismo galego con representación nas Cortes, insistiron até a saciedade que só eles eran a garantía de que as demandas dos galegos faríanse ouvir por boca dos seus representantes.
Os conservadores, proclamaron que esta vez si serían eles os que representasen con solvencia os intereses desta comunidade en Madrid.
Os resultados están aí. Todos os coñecen. E en democracia, como lle tocou recoñecer a Zapatero esta mesma semana, os cidadáns sempre acertan. A vitoria do PP foi abafadora. Aos datos hai que remitirse porque esas son as regras do xogo. Outra cousa é se esta foi máis fácil polo clamoroso desastre socialista. Pero, por unha cousa vai outra, o certo é que o triunfo popular foi atronadoramente popular. E máis aínda na Mariña, onde o PP impuxo o seu dominio claro.
O sobrepaso popular nas terras de Breogán, foi histórico e de paso deixou mar de fondo nuns adversarios que quedaron moi debilitados.
Pero hai máis, o PP galego, cos datos na man, erixiuse, como nunca antes, nun valor contable ante os reitores nacionais. Toda Galicia foi un celeiro de votos relevante.
Mentres tanto, os nacionalistas do Bloque , «A alternativa que te defende», como rezaba a súa lema, sufriron un revés do que non os librou nin sequera a conxuntural desfeita dos socialistas galegos, baixaron votos e foi o PP que apañou os deputados, quedando cos dous de sempre.
E falando de caldeiro de votos, no Norte de Lugo o PP superou o 50% do voto emitido a excepción de Viveiro, onde a “manía” dos cabreados do PP de tachar o nome de Aja, fustrou ese teito electoral.
Si o BNG e o PSOE pretenden xustificar o pau co manido argumento de que fallou a comunicación non é máis que un exercicio de autocompracencia que pretende ocultar razóns moito máis serias, que falan da necesidade de reconducir uns proxectos que ao dicir de moitos converteuse nun sindicato de intereses, por canto primou o pragmatismo, o mercachifleo e a indefinición e que esqueceu que, aínda que pareza mentira, para lograr votos tamén hai que levar ideas e propostas de futuro a todos os recunchos desta terra verde, mesmo nestes tempos en que o ditado do económico acéptase sen máis debate e os números o eclipsan todo.
Otero Regal