Nota de prensa
O BNG DEMÁNDALLE AO EQUIPO DE GOBERNO QUE AXILICE E FAGA EFECTIVO O PAGO DAS AXUDAS PENDENTES A CLUBES E ASOCIACIÓNS CULTURAIS DO CONCELLO. OS NACIONALISTAS DENUNCIAN QUE O IBERIA E O CELTA BARREIROS TEÑEN PENDENTES DE RECIBIR AS DOS ANOS 2010 E 2011 E INCLUSO ALGUNHA DO 2009.
Barreiros, 25 de novembro de 2011. O BNG demándalle ao equipo de goberno que axilice e faga efectivo o pago das axudas pendentes a clubes e asociacións culturais de Barreiros, así como a manter a colaboración na prestación de servizos coma o de limpeza.
Un asunto que os nacionalistas levarán ao pleno que se celebrará o vindeiro luns, 28 de novembro. A portavoz do BNG en Barreiros, Ana Ermida, sinala que “a situación económica pola que atravesan clubes e asociacións do noso concello é preocupante, tendo en conta a necesidade deste tipo de entidades de contar con liquidez para poder levar a cabo as súas actividades. No caso concreto dos clubes de fútbol, véñense acumulando reiteradamente impagos das axudas comprometidas por parte da administración local, supoñendo unha importante eiva para o seu normal funcionamento. A pesares dalgúns pagos que se realizaron recentemente, os clubes de fútbol do concello (Iberia e Celta Barreiros) teñen pendentes de recibir en ambos casos as axudas dos anos 2010 e 2011 e, algún deles, incluso a do 2009. Por se esto fóra pouco, vense sometidos a recortes nas axudas de material ou de limpeza que dificultan enormemente a súa viabilidade”.
Ermida subliña que “os clubes deportivos de base, ao igual que o asociacionismo, son de suma importancia nun concello coma Barreiros no que a necesidade de contar con actividades de lecer é fundamental debido á excasa oferta existente.
No caso do ano 2011, a cantidade consignada nos orzamentos para subvencións (10.000 euros) é inferior á contemplada nas bases de execución dos mesmos para destinar a subvencións nominativas, entre as que se atopan os clubes de fútbol ou asociacións de suma importancia neste concello”.
Violencia de xénero
Os nacionalistas tamén presentarán outra iniciativa sobre a violencia de xénero. A portavoz do BNG indica que “a violencia de xénero constitúe unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres, sendo a manifestación máis clara e brutal da desigualdade aínda existente entre mulleres e homes na nosa sociedade e poñendo de manifesto que falta moito camiño por andar ata rematar completamente coa discriminación e a subordinación das mulleres, de cara a acadar unha sociedade igualitaria”.
Desde o Bloque Nacionalista Galego lembran que “o Parlamento de Galiza no ano 2007 deu un paso moi importante para a superación da visión que reducía o problema ao ámbito privado ao aprobar unha lei específica que trata integralmente todo o referente á violencia de xénero, asumindo que a loita contra a violencia de xénero é un problema de primeira orde e que na súa erradicación deben implicarse o conxunto de poderes públicos e toda a sociedade”.
Ermida engade que “non obstante a día de hoxe, e a pesar das diversas peticións do BNG, o goberno do PP na Xunta de Galiza, non puxo en funcionamento os instrumentos lexislativos previstos para a protección das vítimas de violencia de xénero; é máis, parece considerar prescindibles e superfluas a maior parte das accións preventivas e doutro tipo que se viñan poñendo en marcha nos últimos anos de cara á erradicación da violencia de xénero. Entre as previsións pendentes de desenvolvemento na Lei está a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, un órgano institucional da Xunta de Galiza que ten por obxecto encargarse do estudo, avaliación e seguimento das políticas de violencia de xénero”.
Os nacionalistas consideran que “existen ademais moitas medidas que é necesario impulsar de xeito continuado para lograr que sexan eficaces. Por exemplo, nas medidas de sensibilización social ou de formación das e dos profesionais que traballan en sectores relacionados, directa ou indirectamente, co tratamento de vítimas de violencia de xénero, cousa que non se está a facer. Pero non só existe unha paralización deste tipo de medidas, senón que estamos asistindo ao desmantelamento das poucas estruturas básicas coas que a administración galega contaba neste ámbito, baste recordar a disolución realizada o ano pasado do Servizo Galego de Igualdade. Tamén se ve esta mesma tendencia na considerábel redución económica das partidas orzamentarias destinadas a sufragar o mantemento das medidas de prevención da violencia de xénero”.
O BNG demanda que o pleno da Corporación de Barreiros inste á Xunta a que impulse a posta en funcionamento das obrigas impostas pola Lei 11/2007 e a que faga unha planificación para a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero.