Nota de prensa
O CONCELLO ORGANIZA DIVERSAS ACTIVIDADES CO GALLO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO. UNHA EXPOSICIÓN, TALLERES E UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN SON ALGUNHAS DAS PROPOSTAS QUE SE DESENVOLVERÁN A VINDEIRA SEMANA.
Ribadeo, 19 de novembro de 2011. O Concello de Ribadeo organiza diversas actividades co gallo do día internacional contra a violencia de xénero. Unha exposición, talleres e unha campaña de sensibilización sobre esta problemática son algunhas das propostas que se desenvolverán a vindeira semana.
Non só doen os golpes é o título do proxecto a través do cal, Pamela Palenciano Jódar denuncia a situación de violencia de xénero partindo da súa experiencia e contada a través das 46 imaxes que componen a exposición. Estas imaxes están agrupadas en 7 fases que visibilizan algún momentos polos que pasa unha muller cando sofre violencia de xénero por parte da súa parella: inocencia, namoramento, maltrato psicolóxico, maltrato físico, resposta da sociedade, liberación, normalización. A exposición estará na Casa das Letras, desde o 24 de novembro até o 6 de decembro. A inauguración será o 24 de novembro, ás 20.30h na Casa das Letras, alí estarán a artista Pamela Palenciano e a Concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra. Os horarios para visitala, serán polas mañás de 9 a 14 horas e á tarde de 16.30 ata ás 20.30 horas.
Esta exposición completárase con talleres sobre prevención da violencia machista. Haberá un dirixido a persoas adultas, o xoves 24 de novembro de 18 a 20 horas na Casa das Letras. Hai que anotarse, xa que hai prazas limitadas.
E o venres, 25 de novembro hai outro taller dirixido ao alumnado de 3º e 4º da ESO dos centros educativos do Concello. Desenvolvérase no Cine- Teatro en horario de 9 a 11 da mañá.
Borges
A Concellería de Igualdade en colaboración co CCA van emprender con motivo do día internacional da violencia de xénero unha campaña de sensibilización e concienciación sobre esta problemática a través do comercio. A partir do mércores, repartiránse autocolantes cunha viñeta de Borges nos comercios de Ribadeo, centro de saúde, centros educativos…Esta inciativa xurdiu no propio Consello Municipal das Mulleres.
Desde o CIM e desde a Concellaría de Igualdade queren que “ao longo de toda a semana se visibilice dunha forma especial a existencia e persistencia no século XXI de violencia contra ás mulleres. A xente debe de entender a magnitude e gravidade das violencias contra ás mulleres, polo feito de ser mulleres. Unha violencia que no que vai de ano, chegou ás máis graves consecuencias, á eliminación do dereito á vida desas mulleres. Arredor de 60 mulleres foron asesinadas, dúas delas no noso país”.