Nota de prensa
O PRESIDENTE DE PORTOS DE GALICIA COMPROMETÉUSE A FALAR CO MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE PARA QUE PARTE DA AREA QUE SE RETIRE DA DÍA DE RIBADEO SE DEPOSITE NA PRAIA DOS BLOQUES. ASÍ LLO DIXO JOSÉ JUAN DURÁN AO REXEDOR, FERNANDO SUÁREZ. AMBOS FALARON DO DRAGADO E DOS RESTOS ARQUEOLÓXICOS MARIÑOS.
Ribadeo, 18 de novembro de 2011. O alcalde, Fernando Suárez, mantivo unha conversa co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, na que éste se comprometeu a falar co Ministerio de Medio Ambiente para que parte da area que se retire da ría de Ribadeo se destine á praia dos Bloques. Suárez Barcia tamén lle pediu unha maior coordinación entre Portos e Patrimonio para evitar que se estraguen os restos arqueolóxicos que hai no leito da ría co dragado que se está a efectuar estes días.
O rexedor explicou que “parte da area pedimos que se deposite na praia dos Bloques, previa limpeza dunha capa de fango moi importante que hai alí, para que esta area cumpra o seu cometido de rexenerar un praia despois de que fose remozada e rehabilitada nos últimos meses. Onte puiden ter unha conversa amigable co presidente de Portos de Galicia, onde lle reiterei e él comprometéuse a dialogar co Ministerio de Medio Ambiente, dado que é o titular do espazo público do areal, para lograr entre as dúas administracións, a autonómica e a estatal, un compromiso que redunde en beneficio dos veciños e veciñas e usuarios desta praia”.
Suárez Barcia tamén lle espuxo a Durán “a preocupación que temos no goberno municipal de Ribadeo polo que pode supoñer ese dragado. Hai colectivos que están alertar de que se poden estragar os xacementos arqueolóxicos (restos de afundimentos de barcos), que están en varios puntos da ría de Ribadeo, singularmente cerca do canal, onde agora a draga está empezando a actuar”. O alcalde dixo que o seu equipo entende que “a draga ten que facer o seu traballo porque é necesario dragar a canle, sobre todo á altura do porto de Mirasol, pero hai que ter especial cuidado porque agora hai dúas partes da mesma administración que están a traballar no mesmo sitio, Portos de Galicia está dragando un canal, e ao mesmo tempo o servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio está sacando restos arqueolóxicos, como eu puiden apreciar hai uns días, de feito tomei fotografías que non quero revelar en tanto a Xunta non o faga, onde se demostra que hai unha riqueza arqueolóxica importantísima no leito da ría, que fan necesaria unha maior coordinación entre Portos e Patrimonio. De non ser así podemos dar ao traste con séculos de restos arqueolóxicos que se poden ir prácticamente polo chupón dunha draga”.
O rexedor subliñou que “o presidente de Portos déume a súa palabra de que este mesmo luns haberá máis técnicos aquí supervisando esas actuacións e en todo caso nos puntos conflictivos haberá que ter un especial coidado para retirar primeiro todas as pezas arqueolóxicas antes de pasarlles unha draga porque é unha riqueza que pertence a todos os cidadáns e que non podemos permitir que se estrague. Sei do que estou a falar porque vin e tirei fotos dos restos importantísimos que se teñen recollido nestes últimos días, nada máis que con mover un pouquiño a area do fondo mariño coa man prácticamente, sen necidade de empregar ningún medio máis sofisticado”.