O Concello de Cervo pide á Consellería de Medio Ambiente a inmediata execución das obras proxectadas para o saneamento e estación depuradora de San Cibrao. Este é un proxecto que xa leva moitos anos reclamado, pero nunca resolto. Se xa daquela a infraestrutura era insuficiente, hoxe en día, co actual poboación e o incremento da construción, a actual rede de saneamento esta absolutamente caduca e incapaz de soportar a confluencia de augas pluviais e residuais.
Esta obra xa fora anunciada polo anterior goberno do PP no ano 2002, pero non se chegaron a consignar partidas orzamentarias para a súa execución. Agora esta reclamación é feita polo PP e apoiada polo BNG a unha consellería do PSOE.
O BNG apoia a reclamación do concello, pero ao mesmo tempo tamén esixe responsabilidades ao alcalde, xa que leva presentadas varias iniciativas ao respecto se que se teñan en consideración e repróchalle ao concello que “no canto de utilizar os fondos procedentes do Convenio de Infraestruturas e Servizos asinado con promotores inmobiliarios no pasado ano para renovar a rede de saneamento e separar augas pluviais de residuais, non tivo reparos en gastalas en obras supletorias de escasa urxencia como os mais de 500.000 euros gastados na remodelación do Parque Raiña Sofía”.