Mil frases feroces da dereita da caverna
A lectura dalgúns libros produce auténtico pavor. E nalgún caso, como o que nos ocupa, non tanto polo que se di nel, como polo que un adiviña detrás das súas letras e palabras.
Pregúntase Iñaki Gabilondo, no prólogo do libro “Las mil frases más feroces de la derecha de la caverna”, de José María Izquierdo, que peso teñen no pensamento do Partido Popular os vociferantes xornalistas que, aliñados no extremo destro, levan anos ridiculizando e humillando, desde as súas tribunas mediáticas, a todo aquel que non coincide coas súas ideas, alimentando cos seus exabruptos o odio e a mentira, terxiversando, coas súas insinuacións, a realidade, saltándose á toureira os elementais principios da deontoloxía profesional… Lamentablemente, os últimos acontecementos protagonizados por membros do PP danlle a razón e confirman que estes profetas incendiarios capaces de escribir ou pronunciar mil ferocidades forman parte de “a galería de heroes da familia” popular.
Aí está, dando exemplo, Fernando Autrán, coordinador de Circulación do Concello de Madrid, que empregaba Twitter para remedar a “estes bizarros representantes mediáticos da grosería e o insulto”, como os cualifica Izquierdo. A prensa informou que o seu xefe, Alberto Ruiz-Gallardón, destituíuno de forma fulminante ao coñecer as súas andanzas na Rede. O curioso é que a afección de Autrán vén de lonxe e non de hai uns días. Outra candidata a engrosar a lista de Izquierdo nunha segunda edición da feroz antoloxía é a ocorrente Francisca Pol, agora dimitida, que tamén utilizou Internet, esta vez Facebook, para difundir un fotomontaxe de moi mal gusto de Carme Chacón.
Traio aquí un anaco das fraseciñas adicadas por estes individuos a Rubalcaba.
Rubalcaba, ese ?malo, malísimo?
Pero o primeiro posto á hora de recibir os peores insultos dispútanllo a cotenadas Zapatero e Rubalcaba ese “malo, malísimo”, “un malvado de verdade” (aquí, o afán de insultarlle, case lles fai exculpar aos outros) “o explosivo do 11-M”. Un destes homes da caverna ponse literario e aproveita a inicial do seu apelido; e sáelle isto: “Represor, Rastreiro, Renegado, Rancoroso, Ridículo, Repulsivo, Ruin, Rufianesco, Réptil, Retorto, Repugnante, Remalababa”. Outros, nun novo alarde de delicadeza, botan man das características físicas e das enfermidades: “Non só é que é vello, feo e calvo” “é que, ademais, é un tío malo, con mala follá”. “En fin, só hai unha cousa peor que Zapatero e é Rubalcaba”, sentencia outro.
E de Zapatero, o seu branco preferido, din isto: “o presidente compresa”, “a maior calamidade que tivo España” ou que “só velo provocaba unha insoportable mestura de náusea e repugnancia”. A lista é longa. “Xamais pensei -di un- que acabase vendendo literalmente aos nosos fillos”. “Quen o coñecen ben -engade outro-, dando mostras de información privilexiada- aseguran que o resentimento é o anaco constitutivo do seu carácter” “Baixo a súa fachada afable, esconde uns sotos de bilis retida que dan pavor”. Aberta a veda, os apocalípticos parecen competir entre si por ver cal a di máis gorda, e Zapatero é cualificado sucesivamente de “canalla iluminado”, “energúmeno perturbado”, “personaxe iluminado, carente de sentido común, de cordura e de principios”, ou “ser amoral, inepto e, ademais, covarde”
Casualidade? A resposta, a partir do 20-N, unha data casualmente extrema.
Otero Regal