Nota de prensa
5 meses van xa dende que temos no Concello un equipo de goberno con maioría absoluta, mantendo moitas das prebendas que unha posición en minoría os xustificou en anos anteriores. Dende aquela, o discurso da Alcaldía segue a ser o mesmo: facemos o que podemos, non nos deixan facer máis, quítannos incluso o que temos, … Os logros do Concello nos últimos tempos débense tanto ó goberno de España (que tanto lles costa pronunciar) como da Xunta, de quen verdadeiramente mantiñan os seus recursos e servizos.
Certo é que sufrimos recortes, necesarios e ineludibles, certo que estes recortes son importantes, pero é nestas circunstancias cando debe facerse evidente unha boa xestión, e aí aparece a verdadeira faciana do grupo de goberno: facer recaer nos veciños e veciñas de Ribadeo un aumento dos prezos dos servizos municipais para ocultar a súa ineficacia na xestión e sinalar a outros como os causantes deste proceder.
Estas novas taxas que son aprobadas (por eles e para eles) van repercutir directamente nas familias do noso Concello, nos comerciantes, nos negocios, … unhas familias que xa están a sufrir apuros economicamente falando. Non é nin necesario facelo agora nin urxente para todos nós. Si necesitan facer caixa que recorten doutros ámbitos máis internos e que os favorecen só a eles, ou que son só para magnificar e loar as súas accións. Haberá mellores tempos máis adiante para pedirlle ó pobo que pague algo máis polos servizos do Concello, que debemos facer un esforzo conxunto, … pero non agora que caen todas do mesmo lado, non agora que debe ser a administración a que recorte pero sen obrigarnos a todos a asumir aínda una suba impresionante para as arcas do Concello.
Escandalízanse das limitacións nas axudas, falan de orxías de recortes, queren que comprendamos que eles o fan ben e o resto o fai mal e por mal, … e sen embargo non é unha cuestión de crenzas ou de falta delas: hai que velo para crelo … mentres nos soben as taxas en tódolos servizos municipais, estase levantando un pavillón novo e estase a construír un campo de herba artificial no colexio (que non pediron e parece que nin queren). Hai que aproveitar tódalas ocasións e calquera circunstancia é boa para renovarse, pero non podemos poñer no mesmo raseiro a preocupación social coa deportiva, a suba de taxas coa defenestración económica dos cidadáns, o desexo de afondar en diferenzas políticas cando hoxe en día a política faise desde persoas e non desde a historia.
Fronte a iso non é necesario saber nada máis de recortes nin problemáticas universais. Velaí tedes a forma progresista de facer política por parte do equipo de goberno.