NOTA DE PRENSA
O centro ten multitude de carencias e deficiencias tanto nas instalacións como nos equipamentos, todo iso, pese a que a Vicepresidencia da Xunta de Galicia gastou preto dun millón de euros na súa reforma
A RESIDENCIA DE PERSOAS MAIORES DE BURELA NON CUMPRE COS REQUISITOS MÍNIMOS DE ACCESIBILIDADE
* Carencia de ramplas interiores e exteriores, ascensores sen as dimensións necesarias para introducir unha padiola, portas estreitas que non permiten a saída de persoas encamadas, asesos non adaptados a persoas con mobilidade reducida, … descrición dunha serie de eivas que a Xunta non corrixe.
* En abril de 2007 o nacionalista Anxo Quintana prometeu que a residencia de Burela albergaría 89 prazas para dependentes, rematadas as obras as deficiencias e carencias das instalacións non permiten ofrecer este tipo de servizo
A Mariña, 30 de xaneiro de 2008.- A residencia de persoas maiores de Burela non cumpre cos requisitos mínimos de accesibilidade para un centro de estas características. De feito, despois de ter investidos 928.400 euros na obra de reformas destas instalacións por parte da Vicepresidencia da Xunta de Galicia as deficiencias e carencias afectan tanto ás propias instalacións como aos equipamentos.
A relación de principais eivas é interminable e inclúe todo tipo de carencias: O centro non dispón de ramplas de exteriores e interiores polo que non se facilita a mobilidade dos residentes é no caso de ter que efectuar unha evacuación, terían que empregarse as escaleiras, algón impropio nun centro onde os residentes son persoas maiores. Xunto a iso, os ascensores non dispoñen das dimensións suficientes para que neles poida entrar unha padiola, e polo tanto non é posible baixar neles ás persoas encamadas. Tampouco as camas poden saír polas portas das habitacións xa que estas non teñen as dimensións mínimas e, moitas delas incluso, non dispoñen de mobiliario adaptado a uso xeriátrico. Entre outras moitas, non todas os andares dispoñen de aseos adaptados para persoas con dificultade motora.
PRAZAS NON HABILITADAS PARA DEPENDENTES
O deputado popular sinala como responsable máximo desta situación ao titular do departamento autonómico de benestar, o nacionalista Anxo Quintana quen ademais de permitir a continuidade destas eivas, mentiu aos veciños da Mariña cando anunciou que o centro disporía de 89 prazas para persoas dependentes.
Foi o 17 de abril de 2007, cando o máximo dirixente do BNG aproveitou a súa visita ao centro para presentar o proxecto de obras que se tiñan previsto levar adiante nas instalacións. Nesa ocasión, o Vicepresidente da Xunta de Galicia afirmou que a residencia ampliaría as 88 prazas que naquel momento para dar cabida a 89 persoas dependentes. Resulta evidente que, ante a magnitude das deficiencias descritas, o centro non está habilitado para ofrecer este tipo de prazas xa que nin tan sequera está a cumprir cos requistios mínimos de accesibilidade.
REVISAR AS INSTALACIÓNS E AS OBRAS EXECUTADAS
Jose Manuel Balseiro, deputado popular, reclamou formalmente no Parlamento que a Vicepresidencia revise o estado das instalacións así como tamén as obras que se desenvolveron no edificio. Ao mesmo tempo empraza a administración autonómica que corrixa todas estas carencias e desenvolva as actuacións precisas para permitir que este centro público poida ofertar, nun prazo de tempo curto, prazas para persoas dependentes e así evitar, como hoxe está a acontecer, que as persoas destas características que precisan deste servizo sexan derivadas a centros privados ou concertados.
As dúbidas respecto do estado destas instalacións xurdiron xa no momento de iniciarse as obras e unha vez rematadas. Curiosamente e, pese a telo reclamado formalmente polo conduto regulamentario oportuno, a Vicepresidencia da Xunta de Galicia nunca deu traslado do proxecto construtivo desta obra ao Grupo Parlamentario Popular. “Xa entonces tiñan algo que ocultar, e hoxe sabemos que era o que non quería que se coñecese”
NON HAI LOGROS DO BNG EN POLÍTICA SOCIAL
Finalmente, Jose Manuel Balseiro cuestiona a xestión que o nacionalismo está a desenvolver en materia de benestar e política social na nosa comarca. Segundo o deputado popular parece máis que evidente que nada fixeron do que prometeron e que, a maiores, nos mentiron. Non hai un ápice de verdade, polo tanto, nos supostos logros apuntados fai días polo deputado Parga Núñez cando facía o balance da xestión do BNG nesta materia.