RIBADEO (FNC) .- A historia local vai protagonizar a programación cultural deste 2009 en Ribadeo, segundo anuncia a edil de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra. A concelleira asegura que “hai dous feitos importantes da nosa historia local que estarán presentes en toda a programación cultural deste ano. Por unha banda o bicentenario da batalla da Ponte de Arante contra os franceses que se celebra o 29 de xaneiro e faremos unhas xornadas adicadas a este acontecemento, que imos presentar a semana que ven, chamadas A Ponte de Arante na encrucillada de historia. E tamén se cumpre o bicentenario de falecemento de Raimundo Ibáñez e os tres concellos: Cervo, Santa Eulalia de Oscos e Ribadeo imos facer unha programación específica para conmemoralo”.
Pero a axenda cultural deste primeiro trimestre do ano arranca esta fin de semana en Ribadeo “cun espectáculo de danza contemporánea patrocinado polo Xacobeo. Será mañá sábado no Auditorio Municipal Hernán Naval ás oito e media da tarde e con entrada gratuíta. A compañía Thomas Noone Dance porá en escena Crush-Crease. Trátase dunha magnífica oportunidade de presenciar este tipo de arte, unha porque nun concello pequeno coma o noso non resulta fácil asumir os cachés de compañías coma esta e doutra porque a presenza das linguaxes non tradicionais non teñen a presenza que deberan nos escenarios. Eu convido a todo o mundo a que acuda a esta cita”, sinala a edil nacionalista.
Mariluz Álvarez Lastra engade que “tamén esta fin de semana, o domingo ás cinco e media da tarde e cunha entrada de 2 euros, comezamos coa nosa programación para os pícaros. Os nenos van poder ver unha recreación dun conto de sempre Polgariño da man da compañía Artello, un dos grupos con máis prestixio en espectáculos de títeres para os máis pequenos da casa”.
A concelleira de Cultura sinala que “traballamos en todos os ámbitos nas diferentes artes escénicas e tentamos facer cousas tanto para a vila como para o campo e para os diferentes públicos que temos. Do resto da programación xa iremos informando cando se acheguen as representacións teatrais para adultos, o teatro e a música que chegarán nesta ocasión a Remourelle e Santalla e do resto das xornadas e actividades infantís que temos preparadas para este trimestre”.