RIBADEO (FNC) .- A xunta de goberno do Concello de Ribadeo acordou na súa última xuntanza presentar un proxecto diante da Consellería de Vivenda para asinar un convenio este ano que permita o amaño da rúa Villandrando, no casco histórico. Segundo o alcalde, Fernando Suárez, “esta vía é moi empregada pola xente que vai á gardería e ao casco vello e estaba moi deteriorada. Lembro que é a rúa que pasa a carón do Concello e da Torre dos Moreno”. A actuación que se realizará suporá un investimento de 91.000 euros, dos que o 80% serán aportados por Vivenda e o 20% restante polo Concello.
Na xunta de goberno tamén se aprobou o proxecto da rúa Deputación, que segundo asegura o rexedor “estase a enviar no día de hoxe á Sociedade Anónimo de Xestión do Xacobeo para que xa con este requisito de aprobala na xunta de goberno, poidan sacala a licitación canto antes. A inversión nesta rúa será de 350.000 euros”.
BNG, PP e PSOE que son os partidos que forman a xunta de goberno déronlle o visto bo ao listado das obras que se acometerán na zona rural con cargo aos fondos estatais de inversión que foron decididas e consensuadas na pasada xunta de voceiros. Contémplanse actuacións en dúas pontes, en catro escolas, haberá obras de saneamento e tamén arranxos en diversas infraestruturas viarias. Suárez Barcia sinala que “se amañarán camiños tanto na costa como no interior de todas as parroquias. Serán en total 41 viais os afectados nos que se acometerán actuacións de zahorra, de rego, de rebacheo… en total 884.000 euros de investimento”. O rexedor engade que “estas obras suporán un importante impulso nas parroquias xunto ás obras que se están executando de fases anteriores por parte da Consellería de Medio Rural, por parte do POS da Deputación e doutro plan que poñerá en marcha nos vindeiros días tamén Medio Rural. Este sumatorio de diferentes inversións permitirá que nun período de poucos meses as parroquias de Ribadeo darán un salto cualitativo e cuantitativo de primeiro nivel”.